Ao Obradoiro acábaselle a gasolina no treito final en Badalona (96-85)
Ao Obradoiro acábaselle a gasolina no treito final en Badalona (96-85)
O equipo de Moncho Fernández estivo por diante desde o segundo cuarto pero no último o Joventut amosou a súa maior rotación
Obradoiro e Breogán están a camiñar da man nestas últimas xornadas. Unha vez garantida a permanencia ningún dos dous consegue sumar triunfos. Desta volta os obradoiristas perderon na difícil pista do Joventut por 96-85.
Saíron con moita forza os locais con Brodziansky e Busquets moi atinados e collendo unha boa vantaxe no primeiro cuarto (24-15). Respostou de xeito contundente o Obradoiro cun parcial de 0-10 no segundo cuarto. Igualou o partido e mesmo se fixo co mando grazas ao acerto exterior (6/10 no tiro de tres). Ao descanso, o resultado era de 42-46.
A igualdade foi a tónica do terceiro cuarto. Constantes alternativas cos dous equipos sen ser capaces de ir máis aló dos 3-4 puntos de diferenza. No Obradoiro bo traballo coral. En Joventut brillantes minutos de Joel Parra (70-67). Parecía rachar o partido o Joventut no último cuarto (82-72) pero os de Moncho Fernández mantivéronse agarrados ao mesmo (84-80, m35).
O desacerto nos últimos minutos do cadro galego acabou por sepultar as súas opcións. O Joventut non perdoou (con certa permisividade arbitral) e levou a vitoria que os asenta no sétimo posto.