Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ao redor do 30 % das persoas que conducen sofren amaxofobia ou angustia ao volante

Ao redor do 30 % das persoas que conducen sofren amaxofobia ou angustia ao volante

O Colexio de Psicoloxía de Galicia desenvolve terapias específicas para o seu tratamento

A maioría dos casos de amaxofobia supérase con éxito

G24.gal 29/01/2024 20:50

Persoas que saben conducir, pero non o fan por medo ou tras unha mala experiencia na estrada, é quizais o caso máis habitual de amaxofobia con que se atopan nas autoescolas. "Sufriron un accidente ou tiveron unha mala experiencia conducindo e deixaron de conducir durante anos, e despois aparecen por aquí porque se ven con forzas", comenta José Antonio Martínez, director da autoescola Los Rosales da Coruña. 

Mais existen outras circunstancias en que a amaxofobia é máis difícil de detectar. "A amaxofobia sófrea tamén xente que igual conduce todos os días, pero cun enorme sacrificio. Xente que ao mellor di teño que ir mañá a Vigo, e a noite anterior xa está preguntándose por onde ten que ir, se ten que coller a autoestrada por aquí", explica Marta García, psicóloga do grupo de Tráfico do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

É unha sensación de alerta constante. O detonante é tan variado como persoas a experimentan. "Unha muller explicoume que desde que foi nai empezou a ter medo a conducir. Hai cousas así. Hai xente a que lle dá medo conducir pola noite ou por un túnel", engade a psicóloga Marta García. 

Segundo varios estudos, ao redor do 30 % das persoas que conducen en España experimentan algún tipo de temor ou medo cando se poñen ao volante. Unha cifra que podería ser aínda superior porque quen presenta estes síntomas moitas veces descoñece que se trata de amaxofobia.

O Colexio de Psicoloxía de Galicia desenvolve terapias específicas para o seu tratamento. A psicóloga Marta García sinala: "No curso de amaxofobia deseñamos unha terapia curta dunhas catro ou cinco sesións en que se vai traballando en cada caso en particular".

O traballo psicolóxico pódese completar con clases de reciclaxe na autoescola. Na autoescola Los Rosales, que dirixe José Antonio Martínez, comezan por sitios tranquilos, por lugares doados: "Pouco a pouco imos avanzando, e imos complicando un pouquiño máis ata que por fin se ven xa capaces de conducir".

A maioría dos casos de amaxofobia supérase con éxito. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade