Aparecen as primeiras esporas de mildio en Galicia, un mes antes do habitual
Aparecen as primeiras esporas de mildio en Galicia, un mes antes do habitual
A Estación Fitopatolóxica do Areeiro detectounas cun sistema de captación de aire
Queren determinar o mellor momento para aplicar os tratamentos funxicidas
O mildio é un fungo que se introduciu no século XIX en Europa para combater a filoxera. Actualmente, na metade norte de España, converteuse nun problema endémico que pode estragar parcial ou totalmente vides e colleitas, coas súas manchas amarelas e brancas. A estas alturas, un mes antes do habitual, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro xa alertou da presenza de esporas no ambiente como constata a súa responsable de avisos fitosanitarios, Rosa Pérez Otero.
"Non vimos a maduración en si mesma, pero si vimos xa as esporas co que quere dicir que o ovo de inverno xa madurou"
As temperaturas cálidas, o tempo húmido e as escasas xeadas deste outono-inverno son condicións óptimas para o desenvolvemento das esporas. A alarma deuna este sistema de captación de aire que atrapa o que leva en suspensión como as esporas.
"Recóllese neste tambor que xira durante unha semana. Dentro hai unha cinta cunha substancia pegañenta que captura as esporas. E no laboratorio cóntanse as esporas"
Con estas medicións previas, o proxecto Plasmowine quere avanzar na prevención e determinar o mellor momento para aplicar os tratamentos contra o mildio, polo que recomendan ter ben segado o terreo, realizar as podas en verde e tratar as viñas con funxicidas en canto agromen, sen agardar as primeiras manchas do mildio.