Publicador de contidos
Publicador de contidos

Apertura no primeiro domingo dunhas rebaixas que os comerciantes agardan "sen euforias"

Apertura no primeiro domingo dunhas rebaixas que os comerciantes agardan "sen euforias"

Piden que se volvan regular os períodos de descontos

Clientes nunha tenda en rebaixas en Santiago Clientes nunha tenda en rebaixas en Santiago
G24.gal 25/06/2023 11:43

O auxe das vendas pola Internet non impiden que se manteñan certas tradicións como a apertura o primeiro domingo das rebaixas. Centros comerciais e tendas, ademais dalgúns supermercados, abren esta xornada as súas portas para facilitarlles as compras aos seus clientes.

Os comerciantes galegos prevén un período de rebaixas de verán "sen euforias" aínda que nalgunha das xornadas si incrementarán a facturación. Insisten en pedirlle ao Goberno que volva regular os períodos de descontos.

Malia que a tradición marca que as rebaixas de verán comezaban o 1 de xullo en España, desde que en 2012 se liberalizaron "xa non son o que eran", debido a que a maioría de establecementos fai descontos durante practicamente todo o ano.

Con todo, é despois do Nadal e a principios de verán cando as gangas se multiplican en moitos negocios. Nesta liña falou José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio, quen indicou que "as rebaixas comezaron o 1 de xaneiro e terminan o 31 de decembro", polo que o inicio de xullo xa non supón "a masificación" que antes supoñía.

A pesar diso, recoñeceu que si se espera un aumento da facturación "nalgúns días concretos" xa que a xente adoita aproveitar estas datas para renovar o armario de verán. Aínda así, en declaracións a Europa Press, explicou que nin as grandes cadeas se poñen de acordo para iniciar todas á vez o período de rebaixas e moito menos os pequenos comercios, que se adaptan ao que marcan as multinacionais, que xa empezaron esta semana.

Desde a Federación Galega de Comercio insistiron en solicitarlle ao Goberno que se volvan a pautar unha serie de datas para as rebaixas, co obxectivo de que o consumidor e os comerciantes teñan claro cando vai haber descontos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade