Publicador de contidos
Publicador de contidos

Apróbase o anteproxecto de lei para reducir a xornada laboral a 37,5 horas: "É un día histórico"

Apróbase o anteproxecto de lei para reducir a xornada laboral a 37,5 horas: "É un día histórico"

Adoptarase un sistema dixital de rexistro horario accesible tanto para os empregados como para a Inspección de Traballo e os sindicatos e aplicarase o dereito á desconexión

Comeza agora o debate parlamentario co obxectivo de que a norma estea publicada no BOE antes do verán

O presidente da CEOE, Antonio Garamendi, afirmou que a patronal non comparte a aprobación da medida

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz xunto coa ministra de Educación, Pilar Alegría e o ministro de Economía, Carlos Cuerpo (Mariscal/EFE)
G24.gal 04/02/2025 13:18

O Consello de Ministros de hoxe deu luz verde ao anteproxecto de lei co que se reducirá a 37,5 horas a xornada laboral máxima, eliminando a estipulada en 1983 de 40 horas semanais, co obxectivo de aumentar a produtividade, un dos grandes problemas da economía española. 

A ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes e portavoz do Goberno, Pilar Alegría afirma que esta reforma supón “un paso histórico” que “mellora e consolida dereitos”.

Para Yolanda Díaz, hoxe é “un día histórico” no que "merece a pena formar parte do Goberno de España" e cualifica a reforma como “un proxecto de país”. Ademais, reitera que non se trata de “botar horas no traballo”, senón que “se trata de ser eficientes” nel.

Os cálculos do Ministerio de Traballo apuntan que o recorte de xornada beneficiará, dalgunha maneira, a un total de 12,5 millóns de asalariados dos cales, un terzo (4,4 millóns de persoas), que son os que agora teñen as xornadas máis longas, traballarán como mínimo unha hora e media menos á semana. 

Trátase do inicio á tramitación normativa que, a partir de agora, deberá pasar os informes perceptivos e a súa aprobación no Parlamento. Prevese que o texto chegue ao Congreso dos Deputados a finais deste mes ou a comezos de marzo e, se este dá o visto e prace, podería aplicarse antes do 31 de decembro deste mesmo ano.

Esta medida prohibirá terminantemente que os salarios se vexan afectados, tanto se se trata de traballadores a tempo completo como a tempo parcial e Díaz resaltou que o anteproxecto para a rebaixa de xornada inclúe o dereito irrenunciable á a desconexión dixital.

"Ningún traballador nin traballadora española vai ter que responder a un correo, a unha chamada, nin sequera dun ministro ou ministra, cando estean fóra da súa xornada laboral", apuntou.

Para a vicepresidenta, o máis importante é a reformulación do control horario, que definiu como a medida "estrela" desta norma.

"O rexistro horario vai ser modificado, vai ser propio do século XXI, vai ser dixital, interoperable, con control remoto e no que a Inspección de Traballo vai saber en tempo real cales son as xornadas que calquera vai facer", explicou a ministra.

O novo rexistro horario

Segundo o borrador presentado, todas as compañías, sen importar o seu tamaño, estarán obrigadas a adoptar un sistema dixital de control accesible tanto para os empregados como para a Inspección de Traballo e os sindicatos, permitindo así unha supervisión remota e en tempo real.

Para iso, os traballadores ficharán de forma persoal e directa ao comezo e finalización de cada xornada e rexistrarán todas as interrupcións da mesma que afecten o seu cómputo, identificando ademais se as horas realizadas son ordinarias, extraordinarias ou complementarias.

Para garantir a autenticidade e a rastrexabilidade dos datos reflectidos no rexistro, este deberá permitir identificar inequivocamente á persoa traballadora que o realiza, así como as eventuais modificacións dos asentos efectuados.

No caso de incumprimento das obrigas en materia de rexistro de xornada, as multas poden cifrarse en ata 10.000 euros por cada traballador e non por firma, como ata o de agora, o que supón un endurecemento das sancións actuais en materia de xornada, xa que habitualmente, estas levan asociadas multas de entre 751 euros (no seu grao mínimo) e 7.500 euros. 

O debate parlamentario

Unha vez aprobado, este anteproxecto recibirá os preceptivos informes do Consello de Estado e do CES antes de volver ao Consello de Ministros como proxecto de lei, o que Traballo estima que se producirá ao redor de finais de febreiro e despois, preto de principios de marzo, entrará xa no Congreso, onde os grupos parlamentarios poderán introducir emendas antes da súa aprobación definitiva.

O obxectivo de Traballo é que a norma estea publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) antes do verán para que as empresas poidan ter uns meses de adaptación, pois, segundo o acordado, os convenios colectivos que teñan máis de 37,5 horas semanais de xornada en media anual terán ata o 31 de decembro de 2025 para adaptarse á xornada máxima.

"A pesar de que o acordo é bipartito, ten o sinal de algo moi importante, do diálogo social", remarcou a vicepresidenta.

O ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo, afirmou, pola súa banda, que considera "moi simbólico" que hoxe se presente en Consello de Ministros un avance de dereitos sociais como o que supón a rebaixa de xornada e á vez a mellora das previsións económicas do Goberno. 

Primeiras reaccións no Goberno

Díaz deixou claro que o Goberno "vai negociar con todas as formacións políticas" e preguntou ao PP se "se reconciliarán cos traballadores, xa que os seus votantes tamén queren ver reducida a xornada, ou cometerán o mesmo erro como cando non apoiaron a reforma laboral.

"Sendo conscientes da nosa situación de minoría parlamentaria, este é un proxecto de Goberno e de país e baixo ese paraugas estamos todos", dixo a portavoz do Goberno.

O PP mostrou a súa oposición e criticou que a norma non se pactou coa patronal e cualificou de "verdadeiramente pobre" que se celebre como un éxito o feito de que as dúas partes do Goberno, PSOE e Sumar, se puxeran de acordo.

Para Vox, trátase dun "capricho máis" de Yolanda Díaz que se sacou "da manga" para "manterse no candelero".

Entre os apoios, o de Compromís, que considera a norma "un fito histórico", mentres que en Sumar móstranse abertos a negociar "o que faga falta" para conseguir o voto de Junts. 

Outras opinións

O presidente da CEOE, Antonio Garamendi, afirmou que a patronal non comparte a aprobación do anteproxecto de lei e insistiu en que terá un custo de 23.500 millóns de euros para as empresas e xerará problemas de organización do traballo, argumentos que trasladará aos grupos parlamentarios cando se inicie a tramitación da norma no Congreso.

"O que vai pasar é que non se vai contratar máis xente, pois reduciranse horarios, e que se subirán prezos", vaticinou o líder da patronal.

Pola súa banda, o presidente ATA e vicepresidente de CEOE, Lorenzo Amor, lamentou que o verdadeiro impacto da redución de xornada afectará aos autónomos e a pequena empresa.

"Se alguén pensa que vai haber unha contratación para paliar esta redución, non ten nin maldita idea", afirmou, engadindo que a diferenza de xornada "vana cubrir os autónomos".

Durante a inauguración do quinto Foro Nacional de Hostalería, o vicepresidente da patronal, José Luis Álvarez Almeida, sinalou que a redución de xornada "o que vén é a traer un problema máis a este sector en canto ao emprego", e insistiu na necesidade de que se manteña o diálogo entre os traballadores e sindicatos para pactar as súas condicións laborais. 

"Neste sector sabemos traballar con problemas, pero non se lle poden poñer paus nas rodas, hai que axudalo", manifestou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade