Publicador de contidos
Publicador de contidos

Aragonès advirte de "consecuencias políticas" se non se investiga a espionaxe

Aragonès advirte de "consecuencias políticas" se non se investiga a espionaxe

A ministra de Defensa dará explicacións no Congreso

Unidas Podemos pide "que roden cabezas"

Antón Montero 19/04/2022 20:22

Investigación interna con supervisión independente, apoio a unha comisión de investigación no Congreso e depuración de responsabilidades. Son as esixencias da Generalitat para restaurar as relacións co executivo central tras as informacións de ciberespionaxe a 60 dirixentes e activistas do independentismo.

Pere Aragonès, presidente da Generalitat, dixo que "ata que esta asunción de responsabilidades non se produza, non podemos normalizar as relacións políticas co Estado nos termos que tiñamos a semana pasada ou antes de que fosen coñecidas estas actuacións de espionaxe".

O presidente catalán, que xa interpuxo unha denuncia a título persoal, dixo que detectou dous intentos de infección do seu móbil: un en outubro de 2019, tras a sentenza do procés, e outro en xaneiro de 2020, durante as negociacións para investir a Pedro Sánchez.

Entre os supostos espiados están os últimos 4 presidentes cataláns: Carles Puigdemont e quen fora o seu vicepresidente, Oriol Junqueras, tamén presentarán senllas querelas nun xulgado de Barcelona e noutros 5 países europeos contra España e contra a empresa israelí responsable do programa de ciberespionaxe Pegasus.

Puigdemont cre que "non é posible seguir confiando nun Goberno que é parte desta trama criminal".

Unidas Podemos fala dun asunto gravísimo e urxe a abrir unha investigación interna. O seu voceiro no Congreso, Pablo Echenique, cre que "tanto o señor Marlaska como a señora Robles teñen que iniciar de inmediato unha investigación e teñen que rodar cabezas".

A ministra de Defensa pediu comparecer no Congreso para dar explicacións sobre esta suposta espionaxe. O Goberno nega calquera actuación á marxe da lei, aínda que non aclarou o papel do CNI no seguimento a políticos independentistas.

Isabel Rodríguez, voceira do executivo, asegurou que "aquí non se espía se non é ao abeiro da lei", pero tamén matizou que "hai asuntos que, porque tratan da seguridade nacional, son asuntos secretos sobre os cales non podo darlles conta porque mo prohibe a lei".

O lehendakari Urxullu tamén reclama explicacións urxentes tras desvelarse que entre os espiados estarían o líder de EH Bildu, Arnaldo Otegi, e o deputado abertzale, Jon Iñarritu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade