Publicador de contidos
Publicador de contidos

Aragonès buscará apoios entre independentistas e En Comú Podem

Aragonès buscará apoios entre independentistas e En Comú Podem

O presidente da Generalitat ultima o seu Goberno tras a saída dos conselleiros de JxCat

Salvador Illa mantén a man tendida ao tempo que constrúe unha alternativa

G24.gal 08/10/2022 20:44 Última actualización 08/10/2022 21:31

En Cataluña, o presidente da Generalitat ultima o seu novo Goberno, xa sen conselleiros de Junts per Catalunya, e confía en poder celebrar a primeira reunión o próximo martes.

Pere Aragonès segue disposto a gobernar en minoría, buscando apoios nas forzas independentistas e os comúns, pero non no PSC, a pesar de que o líder dos socialistas cataláns está disposto a negociar os presupostos.

O presidente recibiu xa as renuncias dos conselleiros de Junts per Catalunya. Unha vez publicadas no Diario Oficial, Aragonès poderá facer públicos os nomes dos novos membros do Goberno, entre os que podería haber políticos independentes pero do ámbito de Esquerra Republicana. Tampouco se descarta que haxa unha reorganización de departamentos e competencias.

"Estamos moi avanzados, a nosa previsión é que a principios da semana que vén teremos configurado o equipo", explica a conselleira de Presidencia.

Aragonès, que tras a ruptura da coalición, terá que gobernar só con 33 deputados, buscará apoios entre as forzas independentistas e En Comú Podem, pero sen incluílos no goberno. O primeiro reto son os presupostos para o ano que vén. Esquerra Republicana aposta por prorrogalos antes que negocialos cos socialistas cataláns.

"O noso compromiso é con aquelas forzas políticas  que explicitamente combatan a represión e que defendan a plenitude do exercicio democrático que inclúe que o futuro de Cataluña o deciden os cidadáns", afirma Oriol Junqeras.

"Eu o que digo é que o empeño do PSC vai ser seguir construíndo unha alternativa e, como viñemos facendo estes 500 días, coa man tendida, claro que si", explica Salvador Illa.

Os comúns advirten que non darán un cheque en branco e Junts, agora na oposición, insiste en que Aragonès debe someterse a unha cuestión de confianza ou convocar eleccións.

 "É inaudito que a reacción de Sánchez e Illa sexa botarlle un flotador a Esquerra Republicana", afirma Carlos Carrizosa, de Ciudadanos.

 "O partido socialista está entregado a Pere Aragonès e renunciaron en Cataluña a construír unha maioría alternativa", di Alberto Fernández, do PP.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade