Arcade de Riba exhibe os espantallos creados en cooperación veciñal
Arcade de Riba exhibe os espantallos creados en cooperación veciñal
Cada venres saen do taller veciñal novos espantallos para instalar nas rúas deste lugar de Soutomaior
Figuras feitas con materiais en desuso ou con elementos naturais dan cor e aparencia de que hai transeúntes na rúa que atravesa Arcade de Riba, no concello de Soutomaior.
Á fronte da iniciativa está a Asociación Pozo Vello e vai camiño dos vinte espantallos instalados en distintas situacións. Son o resultado dunha tarefa da veciñanza no taller en que cada venres se xuntan para novas creacións.
"Cada un vai levando o que ten na casa: palla, roupa vella..., cousas e utensilios que xa non utilizas para nada. Algo para darlle vida á vila", di Montse, integrante da asociación.
"É unha iniciativa boa que xunta a xente maior e nova que non se coñecen. Fan como un taller de convivencia con axuda duns a outros e, ao final, basicamente, facemos un pouco de familia", explica Rodrigo, veciño do lugar.
"Cada sábado pola mañá vanse colocar dous ou tres novos, o que nos vaia dando para facer ata que a xente canse".
E, polo que nos contaron, en Arcade de Riba todos, cooperadores ou non, contentos coa instalación duns espantallos que non teñen por obxectivo afastar, senón atraer. E estano logrando, como nos din residentes e quen vai de visita.