Publicador de contidos
Publicador de contidos

Arde o motor dun avión ao aterrar en Peinador

Arde o motor dun avión ao aterrar en Peinador

Os viaxeiros colleron medo ao ver o lume pola ventá, pero non houbo ningún ferido

O incendio foi debido a un problema no motor dereito

G24.gal 10/02/2024 17:10

Un bo susto foi o que levaron os pasaxeiros do voo que aterrou esta mañá no aeroporto de Vigo pouco antes das oito da mañá. Aínda era noite cando, tras case dúas horas de voo dende Barcelona, comprobaron que un dos motores da aeronave estaba ardendo.

Moitos conseguiron gravalo co seu móbil dende a ventá e non sabían o que estaba pasando. O avión, unha vez que tomou terra, quedou parado na pista e cos motores apagados mentres os bombeiros actuaban para sufocar as lapas. 

Voaban dende Barcelona cara a Vigo. Pouco antes das oito da mañá, uns minutos antes do previsto, este avión aterraba en Peinador cun problema no seu motor dereito que acabou incendiándose. Así o relataba un dos pasaxeiros deste voo. 

"Xusto despois de aterrar vimos que o avión parou no medio da pista e un mozo empezou a dicir que ardía o motor", relataba un pasaxeiro.

Foi precisa a intervención dos bombeiros do aeroporto. Eles mesmos verificaron a seguridade da aeronave antes do desembarco dos pasaxeiros que viviron momentos de moita incerteza.

"Ninguén nos dicía moita cousa e non se vía moito. Algúns que podían gravar amosábannos algo ao resto. A xente estaba bastante tranquila e había algo de malestar porque ninguén do propio avión nos contaba o que estaba a pasar", explicaba o pasaxeiro. 

"Paramos o motor, está todo correcto e xa nos imos mover ao aparcadoiro e imos baixar con normalidade porque os bombeiros confirmaron que está todo ben, que non hai nada. Grazas pola súa comprensión", dicía a tripulación por megafonía.

De momento a compañía non emitiu ningún comunicado. O avión seguía na pista esta mañá e varios operarios trataban de solucionar a avaría. A situación provocou atrasos de ata cinco horas para os viaxeiros que tiñan que voar nese avión ás oito e corenta. A compañía enviou outra aeronave a Vigo á espera de coñecer as causas do acontecido. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade