Calcinado un vehículo nun garaxe de Marín
Calcinado un vehículo nun garaxe de Marín
Os veciños foron desaloxados de madrugada, pero xa puideron regresar aos seus domicilios
O fume afecta as instalacións dun supermercado lindeiro
O lume que se declarou nun garaxe da travesía Favarizas de Marín, entre as rúas Ezequiel Massoni e Jaime Janer, mobilizou os servizos de emerxencias desde as catro da madrugada deste venres. A pesar de que as lapas quedaron axiña controladas, os bombeiros do Morrazo, con reforzo dos de Ribadumia, botaron máis de cinco horas ventilando as instalacións.
O incendio comezou nun dos vehículos estacionados no primeiro soto e quedou calcinado por completo. Aínda que non se rexistraron danos persoais nin desaloxos, os veciños tiveron que saír das súas casas de madrugada, aínda que puideron regresar a primeira hora da mañá.
O fume tamén alterou o horario de apertura e o funcionamento dun supermercado situado nas inmediacións. O tráfico quedou restrinxido na zona.
Ademais dos bombeiros, no punto traballan efectivos da Policía Local e da Nacional.