Publicador de contidos
Publicador de contidos

Arenteiro e Celta Fortuna reparten os puntos no Espiñedo

Arenteiro e Celta Fortuna reparten os puntos no Espiñedo

Empate cun gol para cada equipo nun derbi que puido ser para calquera

G24.gal 18/05/2024 19:39 Última actualización 18/05/2024 21:31

O Espiñedo acolleu o derbi galego entre o Arenteiro e o Celta Fortuna nun partido que puido caer para ambos os lados, pero que ao final se decidiu co empate. 

A primeira metade sería de todo menos pausada. O partido comezaría igualado, con chegadas de ambos conxuntos e o balón rodando con velocidade dunha portería a outra. Antes do ecuador do primeiro tempo o Celta Fortuna comezaría a mandar e xerar perigo practicamente engaiolando o Arenteiro no seu campo. Primeiro chegou unha grande acción individual de Fer López, que sacou Pablo Brea ao baterlle no corpo. Despois un tiro de Tincho dende a frotal e outra ocasión de Pablo Durán farían estarían preto de poñer o primeiro, mais seguiría sen chegar. Sería o de Tomiño quen, tras outra parada de Pablo Brea rabuñaría un balón que quedara morto case en área pequena ourensá e tocando o esférico coa punta da bota adiantaría ao Celta Fortuna. A primeira metade non nos agasallaría con máis goles e o Celta marcharía gañando ao descanso. 

O segundo tempo seguiría a mostrar un partido moi igualado. O Celta B chegaría en varias ocasións, especialmente provocadas polas zurdas de Tincho, Raúl Blanco e Fer López. Non obstante, o Arenteiro non se viña abaixo e impulsado polo Espiñedo crearía perigo en varias ocasións e metería un punto máis de intensidade para non perderlle a cara ao partido. Os de Javi Rey insistiron moito máis e a falta de quince minutos o Celta B estaba desencaixado vendo como se sucedían as ocasións dos locais. Preto estiveron de marcar nun balón que lle botou diante a Rulli e colleu máis perigo do que parecía que tiña. Tanto vai o cántaro á fonte que remata rompendo, a insistencia ourensá acadou o premio do gol nunha falta lateral que rematou Javi Moreno e puxo o empate a dez minutos do final. 

O partido non tería máis goles e finalizaría co empate a uns. Ambos equipos terán encontros moi importantes para a vindeira semana. O Celta Fortuna pelexará por subir posicións na clasificación de cara a conseguir un mellor cruce na promoción e o Arenteiro intentará pechar a tempada da mellor maneira clasificándose para a Copa do Rei. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar