Ares presenta a súa candidatura ao título da Liga Galega de Traiñeiras
Ares presenta a súa candidatura ao título da Liga Galega de Traiñeiras
Triunfo aresán por diante de Bueu na primeira xornada da competición
Chapela gañou na categoría feminina e Mugardos impúxose na Liga B
Comezou a edición de 2023 da Liga Galega de Traiñeiras e fíxoo co triunfo da gran favorita. Ares, descendida da ACT a pasada temporada, presentou a súa candidatura ao impoñerse no duelo directo a Bueu por cinco segundos de diferenza.
O equipo adestrado por Pendo coincidiu co seu teórico rival polo título na mesma quenda e, despois dunha pelexa moi igualada, acabou gañando cun tempo de 19:28. Bueu aguantou ata o terceiro longo pero cedeu cinco segundos na liña de meta (19:33). Na terceira posición quedou Chapela, a só 6 segundos, e cuarta foi Tirán que entrou na baliza de meta a 9 segundos.
Tamén houbo moita igualdade na categoría feminina. Chapela impúxose pero con Mugardos-A Cabana a un só segundo e Rianxo a menos de cinco. O equipo de Mugardos-A Cabana sí puido festexar unha bandeira na Liga B cun claro triunfo sobre Muros-Esteirana.