Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os sobreviventes do naufraxio do Argos Georgia abrazan de novo a súa xente

Os sobreviventes do naufraxio do Argos Georgia abrazan de novo a súa xente

O avión militar fretado polo Ministerio de Defensa para traelos á casa aterrou en Santiago á unha da tarde

Dous dos catro mariñeiros galegos rescatados foron trasladados en ambulancia ao hospital para tratar doenzas leves

Os dous observadores científicos que ían no pesqueiro foron repatriados no mesmo voo e continuaron viaxe ata Madrid

Familiares reciben no aeroporto os sobreviventes. Europa Press/César Arxina
G24.gal 28/07/2024 12:30 Última actualización 28/07/2024 21:23

Os sobreviventes do naufraxio do Argos Georgia, afundido o pasado luns nas Malvinas, chegaron este domingo a Santiago nun avión fretado polo Ministerio de Defensa. Antes de regresaren á casa, prestaron declaración nas illas.

Os catro galegos —José Saborido (capitán), Ramón García (xefe de máquinas), Ramón Hombre (primeiro oficial) e Francisco Gondar (segundo oficial)—, os tres primeiros de Ribeira e o último de Pontevedra, foron recibidos polas familias e as autoridades no aeródromo militar compostelán.

Os dous observadores científicos que ían no buque, Amparo Burguillos (Albacete) e Pere Hernández (Barcelona), continuaron viaxe ata Madrid. Tamén o resto dos sobreviventes, de distintas nacionalidades, que serán repatriados aos seus países.

Nas catorce horas que durou o traxecto ata Galicia na aeronave medicalizada do Exército do Aire, contaron con atención do persoal de aeroevacuación que ía a bordo. Ao chegaren a terra, dous tiveron que ser trasladados en ambulancia ao hospital para tratar doenzas leves.

O aparello a piques de aterrar en Santiago O aparello a piques de aterrar en Santiago

Falecidos

Os corpos dos falecidos notificados ata o momento trasladaranse a Oxfordshire, no Reino Unido, para que se lles practique a autopsia cumprindo cos protocolos esixidos polas autoridades británicas.

Son o patrón, César Acevedo, natural de Vigo, e o cociñeiro do barco, Santiago Leyenda, veciño de Baiona.

Rueda saluda un dos mariñeiros repatriados. EFE/Xunta/Mónica Arcay Carro Rueda saluda un dos mariñeiros repatriados. EFE/Xunta/Mónica Arcay Carro

Operativo de busca

En canto aos catro desaparecidos, mantense o operativo de busca e rescate cun buque, un pesqueiro e un avión. Dous son galegos: Juan Antonio García Rey, Pichón, cambio de máquinas, de Ribeira, e Antonio Barreiro, de Noia.

O buque pesqueiro, no que ían 27 persoas —dez españolas, oito rusas, cinco indonesias, dúas uruguaias e dúas peruanas—, naufragou o luns e deixou un resultado de nove mortos e catorce sobreviventes.

Varias ambulancias agardaban na pista de aterraxe.  EFE/Xoán Rey Varias ambulancias agardaban na pista de aterraxe. EFE/Xoán Rey

"Extraordinario labor" dos militares

O presidente do Goberno Pedro Sánchez agradeceu publicamente, a través da rede social X, ao equipo da Unidade Médica de Aerovacuación (UMAER) e ao persoal de Defensa o seu "extraordinario labor" na repatriación dos sobreviventes do pesqueiro.

O delegado do Goberno en Galicia Pedro Blanco recibiu os sobreviventes en Santiago acompañado polo presidente da Xunta Alfonso Rueda, o conselleiro do Mar Alfonso Villares e o alcalde de Ribeira Luís Pérez.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade