Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un fallo nunha comporta do Argos provocou a vía de auga que acabou afundindo o buque

Un fallo nunha comporta do Argos provocou a vía de auga que acabou afundindo o buque

O ente británico encargado da investigación de accidentes marítimos publica as súas conclusións preliminares 

Segundo a MAIB, a tripulación non foi quen de pechar a comporta do casco nin impedir que a auga se coase polo resto do buque

Foto: Royal Air Force Foto: Royal Air Force
G24.gal 11/10/2024 11:01 Última actualización 11/10/2024 11:25

Primeiras conclusións sobre o naufraxio do Argos Georgia, afundido fronte as Illas Malvinas o pasado 23 de xullo.  Foron publicadas pola Marine Accident Investigation Branch (MAIB), o ente británico encargado da investigación de accidentes marítimos.

Segundo esta investigación, un fallo nunha comporta do pesqueiro tería permitido a entrada dunha gran cantidade de auga que se coou polo resto do buque debido a que estaban outras portas internas abertas. Isto tería provocado a escora do barco e, posteriomente, o seu afundimento.

A investigación en curso determina que, antes do accidente, unha comporta de estribor estaba pechada, pero as cámaras do barco puideron comprobar que a comporta descendeu "lentamente" ata abrirse "completamente".

Ademais, as portas internas que conducían ao compartimento de arrastre estaban abertas. "Isto permitiu que a auga fluíse sen obstáculos cara a outras áreas do buque, o que provocou unha escora significativa que aumentou progresivamente a medida que entraba máis auga".

Segundo este organismo, a tripulación "non puido pechar a comporta do casco unha vez se abriu" e "tampouco puido controlar o paso da auga cara a outros espazos do buque, o que aumentou aínda máis a escora ata que naufragou".

Problemas de seguridade

A MAIB detectou varios "problemas de seguridade" no barco: os medios para manter a comporta pechada non impediron que se abrira; os mariñeiros non puideron pechala unha vez se decataron do ocorrido, e a imposibilidade de pechar  as portas doutros compartimentos interiores permitiu que a auga chegase a máis espazos.

Recomendacións

O organismo establece unha serie de recomendacións a todos os propietarios, operadores e patróns de buques pesqueiros equipados con comportas laterais. Primeiro, que se aseguren de realizar unha avaliación adecuada do risco de que entre auga a través da mesma e que se implementen medidas para reducir riscos asociados a un fallo da devandita porta.

Segundo, informar a tripulación dos riscos e as medidas adoptadas; e terceiro, tomar medidas en caso de risco de inundación doutros compartimentos, como manter as portas interiores pechadas.

No naufraxio do Argos Georgia morreron nove tripulantes -tres deles galegos-. 14 sobreviviron e catro continúan aínda desaparecidos, un deles veciño de Ribeira.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade