Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os corpos dos falecidos no naufraxio do Argos Georgia chegan este luns a Galicia

Os corpos dos falecidos no naufraxio do Argos Georgia chegan este luns a Galicia

O avión ten previsto aterrar sobre as 17:00 horas no aeroporto de Alvedro nun voo comercial procedente de Madrid

G24.gal 18/08/2024 17:13 Última actualización 18/08/2024 21:13

Case un mes despois do naufraxio do pesqueiro Argos Georxia en augas das illas Malvinas, os familiares dos tres españois que faleceron no afundimento do palangreiro recibirán os seus corpos este luns para darlles o último adeus.

O avión ten previsto aterrar sobre as 17:00 horas no aeroporto de Alvedro nun voo comercial procedente de Madrid tras aterrar o procedente de Inglaterra. Traerá a Santiago Leyenda, cociñeiro principal da embarcación; César Acevedo, patrón de pesca do barco, e Antonio Barreiro, segundo enxeñeiro do buque.

Desde alí partirán en coches fúnebres cara aos seus lugares de orixe e algúns familiares criticaron a "desesperación" que lles supuxo esperar case un mes pola repatriación do cadáver.

"Foi demasiado longo, case un mes no que vas contando día a día, esperando a ver se ao seguinte vas ter noticia de que xa o repatrian, pero ese día nunca chegaba".

O pesqueiro afundiuse nas Malvinas o pasado 22 de xullo. Catorce persoas lograron sobrevivir, entre eles seis españois. Nove tripulantes morreron, tres deles galegos, e outros catro non apareceron, entre os que se atopa o galego Juan Antonio García Rey, Pichón, cambio de máquinas, de Ribeira (A Coruña).

Os sobreviventes españois foron repatriados o 28 de xullo, menos dunha semana despois do naufraxio, pero os corpos das vítimas mortais non puideron ser trasladados no avión militar fretado polo Goberno de España debido aos protocolos esixidos polas autoridades británicas.

Así, os corpos dos nove falecidos no afundimento do palangreiro foron trasladados a Gran Bretaña e aterraron o 31 de xullo en Brize Norton, no condado de Oxfordshire, para sometelos aos exames forenses que confirmaron que entre eles estaba o tripulante de Noia Antonio Barreiro, quen inicialmente figuraba como desaparecido.

O Goberno tratou de axilizar a burocracia para traer a Galicia a Barreiro, Leyenda e César Acevedo, aínda que o traslado correspondeu á armadora e xa se asumía que polo menos ía demorar unhas dúas semanas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade