Arranca a operación paso do Estreito entre Marrocos e Europa logo de dous anos
Arranca a operación paso do Estreito entre Marrocos e Europa logo de dous anos
Suspendérase por mor da pandemia da covid-19 e da crise diplomática entre Madrid e Rabat
Organiza o tránsito da cidadanía marroquí que viaxa desde Europa ao norte de África durante o verán
É un dos movementos de persoas entre continentes máis numeroso en tan curto espazo de tempo
A operación paso do Estreito (OPE) entre Marrocos e Europa arrinca este domingo, incluíndo de novo os portos españois tras a súa exclusión durante os últimos dous anos por mor da pandemia e a superada crise diplomática entre Madrid e Rabat.
A Fundación Mohamed V para a Solidariedade, que coordina esta operación, anunciou nunha nota recollida pola axencia oficial MAP, ter dispostas 17 paradas de descanso, en Marrocos e en países europeos, para recibir os viaxeiros.
Unha parte deles nos portos mediterráneos de Tánxer-Med, Tánxer-Ville, Alhucemas e Nador.
Así mesmo, a fundación anunciou equipar outros espazos de acollida nas cidades españolas de Almería, Alxeciras, Motril, ademais de Sète (Francia) e Xénova (Italia).
A nota precisa que os equipos da fundación prestarán apoio social e médico ás persoas beneficiarias desta operación nas diferentes paradas de descanso e a bordo dos barcos, e subliña que máis de 1.000 axentes, entre eles médicos, asistentes sociais e voluntarios, participan na organización.
Tránsito de ida e volta
Tamén coñecida como operación Marhaba (benvida), a OPE organiza desde 1986 o tránsito de ida e de volta da cidadanía de orixe marroquí que viaxa desde países de Europa ata o norte de África na época estival.
Supón un dos movementos de persoas entre continentes máis numerosos en tan curto espazo de tempo. En 2019, ano en que tivo lugar a última OPE que incluía os portos españois, 3.340.045 pasaxeiros e 760.215 vehículos cruzaron o estreito de Xibraltar a través de liñas marítimas.
Marrocos mobilizou 32 ferris, con 571 viaxes semanais, para cubrir as liñas marítimas que conectan os seus portos cos de España, Francia e Italia durante a OPE deste verán, cunha capacidade total aproximada de 478.000 pasaxeiros e 123.000 coches.
Apertura de fronteiras
O 12 de abril, as conexións marítimas para pasaxeiros entre os portos españois de Alxeciras e Tarifa e os marroquís de Tánxer-Med e Tánxer-Ville, respectivamente, restableceron a súa actividade algo máis de dous anos despois de que estas rutas foran suspendidas.
Así mesmo, o 17 de maio, as fronteiras terrestres entre España e Marrocos nas cidades de Ceuta e Melilla reabriron despois de máis de dous anos pechadas como consecuencia do inicio da pandemia da covid-19 e a crise bilateral entre ambos os dous países.
Esa reapertura de fronteiras produciuse un ano despois de que en maio de 2021 unhas 12.000 persoas entraran en Ceuta na maior crise migratoria da historia con Marrocos, ocorrida no medio da forte tensión diplomática que xerou a acollida nun hospital español do líder da Fronte Polisaria, Brahim Gali.