Arranca o Arde Lucus
Arranca o Arde Lucus
A festa, de Interese Turístico Nacional, empezou coa entrada das tropas romanas
As previsións que manexan os hostaleiros son "inmellorables"
O Arde Lucus volve este ano con máis forza ca nunca. É unha festa histórica declarada de Interese Turístico Nacional. Máis de 400 actividades enchen a programación deste Arde Lucus, que conta este ano con 16 localizacións diferentes e 11 campamentos. Música, teatro, talleres, desfiles, representacións históricas da man de 19 asociacións e toda caste de ambientación polas rúas.
A principal novidade deste ano é o espectáculo pioneiro de realidade aumentada en 5D nunha edición que conta co maior orzamento da súa historia no ano da súa recuperación.
As Tanxugueiras levan o protagonismo e a maior expectación musical nun evento con 21 edicións ás súas costas, que segue loitando por conseguir o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional.
A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo informou de que as previsións do sector son inmellorables para esta fin de semana, tendo en conta de que as reservas rozan “o cento por cento de ocupación para o sábado” e de que as previsións do tempo falan de días despexados e con temperaturas agradables.
“Cremos que a festa vai ser un éxito”, dixo o presidente dos hostaleiros de Lugo e de Hostalería de Galicia Cheché Real, porque “é unha celebración que depende moito da climatoloxía e as previsións do tempo son boas, porque non se esperan choivas”. “Estamos convencidos de que esta edición da festa vai ser un éxito, tal e como o viña sendo o Arde Lucus antes do ano 2019”, afirmou Real, quen tamén quixo agradecer o traballo “ímprobo, inconmensurable” que realizan cada ano a vintena de asociacións de recreación histórica que participan na organización do programa.