Publicador de contidos
Publicador de contidos

Arranca o proxecto Xenoma Galicia, un estudo para previr doenzas como o cancro

Arranca o proxecto Xenoma Galicia, un estudo para previr doenzas como o cancro

Este sábado e o que vén recolleranse mostras de sangue de mil persoas nos 14 hospitais galegos

G24.gal 14/12/2024 14:28 Última actualización 14/12/2024 14:56

O piloto do Proxecto Xenoma Galicia, un estudo do ADN de 400.000 galegos, botou a andar este sábado coa toma de sangue de 500 persoas nos 14 hospitais públicos que hai na comunidade. O próximo sábado están citados aleatoriamente e para participar de xeito voluntario outros 500.

O estudo comeza cun mostra de sangue de persoas de entre 35 e 70 anos residentes en 15 concellos e en seis meses coñecerán os resultados.

Nesta primeira fase buscarán alteracións xenéticas relacionadas con cancro de mama e ovario hereditarios ou hipercolesterolimia familiar co obxectivo de detectar as enfermidades antes de que aparezan e facer tratamentos individualizados.

"Por habitantes, é o proxecto máis grande do mundo, que vai dar lugar a unha revolución no coñecemento da enfermidade e na prevención das doenzas comúns", explicou Ángel Carracedo, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe a sala de toma de mostras deste estudo no Hospital Clínico de Santiago. O xefe do Goberno galego destacou a aposta da Xunta pola "medicina moderna e de futuro que xa se está facendo na comunidade".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade