Arrinca en Viveiro o Resurrection Fest 2024
Arrinca en Viveiro o Resurrection Fest 2024
Prevén ata 40.000 asistentes diarios ao festival, cun impacto económico de 12 millóns de euros
Arrincou o Resurrection Fest, todo un acontecemento musical e social que atrae milleiros de visitantes a Viveiro. Este ano agárdase que entre 130.000 e 160.000 asistentes ateiguen as rúas da vila, cun impacto económico que podería superar os 12 millóns de euros.
Isabel Méndez, xerente do Centro Comercial Aberto de Viveiro: "Os hoteis están a tope, e restaurantes, bares, supermercados... Tivo unha repercusión económica estes últimos anos duns 12 ou 13 millóns, e con máis cantidade de xente a previsión é que esa contía aumente".
O poder de convocatoria do Resu, con ata 40.000 persoas diarias, xustifícase en gran medida polo seu cartel. O que está considerado un dos mellores festivais europeos de rock e de metal trae este ano 90 bandas, con The Offspring, Megadeth ou Electric Callboy como principais reclamos.
Esteban Girón, voceiro do festival: "A xente dinos que é o mellor festival do mundo para eles, e a nosa responsabilidade é facelos felices estes días. Cando saen, abrázannos, o que é reconfortante".
Na primeira xornada do festival, Machine Head e o lendario Alice Cooper serán os cabezas de cartel.