As aseguradoras analizan a última oferta do Goberno para salvar Muface
As aseguradoras analizan a última oferta do Goberno para salvar Muface
A proposta supón un aumento da prima ás aseguradoras do 41 por cento
O valor do contrato, que sería por tres anos, elévase a 4.800 millóns de euros
O Goberno suma outros 330 millóns de euros ao concerto con Muface, o modelo sanitario que dá cobertura aos funcionarios. En total ofrece ás aseguradoras 1.200 millóns máis que no contrato vixente. Para o ministro de Función Pública coa nova oferta o Goberno cumpre a súa tarefa. "O goberno remangouse, traballou e trouxo solucións", di Óscar López.
Unha solución que non comparten os seus socios de Goberno. A máis crítica con este aumento de cartos para as aseguradoras é a ministra de Sanidade que sempre defendeu que os funcionarios pasasen á Sanidade Pública.
"Temos sas pero contundentes discrepancias co ministro de Función Pública, eu creo que é unha mala noticia, unha noticia para nós decepcionante", asegura Mónica García, ministra de Sanidade.
A estas discrepancias tamén se refería hoxe a ministra portavoz Pilar Alegría. "Eu entendo que poida haber posicións diferentes, pero as decisións e acordos que se adoptan no goberno son de todo o goberno", explica Alegría.
Para os sindicatos a nova oferta non muda a situación e manteñen a folga do 13 de febreiro. "Ante a ausencia dun acordo definitivo, CSIF entende a necesidade de manter a presión", confirma Miguel Borra, presidente de CSIF.
Agora a decisión está nas aseguradoras. Á espera de que analicen a oferta polo miúdo xa fixeron unha valoración positiva das novas condicións. Muface dá cobertura a un millón e medio de funcionarios.