Publicador de contidos
Publicador de contidos

As Auditorías dos Fondos NextGeneration, por María Loureiro

As Auditorías dos Fondos NextGeneration, por María Loureiro

Os PERTE contribúen ao crecemento da economía
G24.gal 22/02/2023 08:28

En xullo de 2020, o Consello Europeo acordou un instrumento excepcional de recuperación temporal coñecido como Next Generation EU (Próxima Xeración UE), dotado con 750.000 millóns de euros para o conxunto dos Estados membros. O Fondo de Recuperación garante unha resposta europea coordinada cos Estados membros para facer fronte ás consecuencias económicas e sociais da pandemia.

Ademais do impacto sobre o crecemento económico, o Plan de Recuperación está deseñado para contribuír positivamente á mellora dos seus catro eixos transversais: a transición ecolóxica (descarbonización), a transformación dixital, a cohesión social e territorial e a igualdade de xénero. A través de distintas actuacións estes fondos pretenden modernizar e crear sociedades máis competitivas e resilientes a posibles cambios futuros.

No caso español, espérase recibir dentro do mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR), un total de aproximadamente 140.000 millóns de euros, dos que 60.000 millóns corresponden a transferencias non reembolsables (aprox. 5.7 % do PIB). Tamén poderá acceder a un volume máximo de 80.000 millóns de euros en préstamos, é dicir, crédito concedido con condicións moi vantaxosas, pero aínda así, crédito.

Os fondos repártense a través de subvencións e distintas convocatorias públicas encamiñadas a mellorar a competitivade do sector industrial e empresarial e a cohesión social facilitando mellores accesos á educación e á cultura.

Pero ademáis, tamén existen os chamados PERTE, que son proxectos de carácter estratéxico con gran capacidade de arrastre para o crecemento económico, para mellorar o emprego e a competitividade da economía española, cun alto compoñente de colaboración público privada e transversais ás diferentes administracións.

Entre os PERTE máis destacados podemos subliñar o PERTE do vehículo eléctrico, o PERTE da economía circular, o PERTE agroalimentario, o PERTE do hidróxeno, o PERTE aeroespecial, o PERTE de descarbonización industrial e o PERTE naval, por mencionar uns cantos.

A participación nestes PERTE fará que Galicia teña unha presenza máis ou menos importante na recepción destes fondos europeos. Na actualidade, Galicia recibiu axudas por valor dun 2.5 % do seu PIB, mentres que España como media recibiu un 5,7 % do PIB.

En canto aos resultados a curto prazo dos Fondos Next Generation, os datos publicados entre 2021-2031 son de 2,6 % do PIB. É dicir, o PIB será 30.000-40.000 millóns anuais superior neste periodo debido ao efecto directo destes fondos e reformas.

As auditorías

Para acadar os fondos promovidos dos que tanto se fala, é fundamental que cada país vaia informando da folla de ruta e do debido cumprimento de determinados fitos e obxectivos que se estableceron e agora condicionan o financiamento.

Destas obrigas comprometidas das que como dicimos non se fala tanto, xa hai unha cantidade delas aprobadas, que inclúen por exemplo a reforma do mercado laboral, a reforma do sistema universitario, a reforma da lei concursal, e queda unha grande por cumprir: a reforma das pensións.

Estes días España recibiu o visto e prace para un novo desembolso. Trátase de 6.000 millóns de euros, que se suman aos 31.000 millóns xa recibidos nos anteriores desembolsos. Bruxelas deu o sí este venres mediante unha avaliación preliminar, na que avalou a consecución dos fitos e obxectivos comprometidos.

Agora ben, a avaliación positiva chega cun pero, que foi a causa da demora: o sistema de auditoría e control dos fondos deseñado polo Goberno. As autoridades comunitarias dan un toque de atención ao Goberno porque ese mecanismo chega con atraso, pero dá por cumpridas as melloras que lle esixía.

E despois do terceiro tramo, chegará a quenda do cuarto, no que se examinará unha das razóns de ser do plan de recuperación: a reforma de pensións completa. Bruxelas quere asegurarse de que os cambios propostos son abondos para a sustentabilidade financeira, por iso o Goberno está a apostar por subir cotizacións e un complemento sobre os soldos máis altos. Este cartafol segue aberto, e do seu resultado depende boa parte do que suceda a partir de agora co plan.

Non é a primeira ocasión en que Bruxelas avalía o sistema de control e auditoría do plan. Xa o fixo no primeiro tramo, a finais de 2021, cando pediu a España que realizase axustes. En concreto, reclamoulle unha mellora na recompilación de datos sobre beneficiarios destas axudas que sexan propietarios de compañías estranxeiras, e mais o reforzo interno do acceso á información para evitar conflitos de interese.

Desta volta, seguirán insistindo na transparencia, ademáis de verificar a situación actual do gasto, e a obriga de seguir facendo esforzos para modernizar a nosa sociedade á vez que facela máis resiliente.

En resumo... amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade