As axudas universitarias pasarán a ser selectivas, por María Cadaval
As axudas universitarias pasarán a ser selectivas, por María Cadaval
As regras fiscais levan suspendidas dende o inicio da pandemia, mais a Comisión Europea acaba de facer pública a súa proposta para a reforma do Pacto de Estabilidade e Crecemento que, se nada mais muda, entrarían en vigor no 2024. Durante a irrupción da covid-19 o déficit público medrou de xeito significativo, ate situarse no ano 2021 no 6,87 %, mentres que a débeda supera o 116 %, case o dobre do 60 % que contemplaba a anterior normativa europea. Con todo, esta situación vai mudar en apenas un ano. A Comisión Europea propón regras mais flexibles e asumibles, tales coma unha senda de gasto a medida. É dicir, propón unha clasificación dos países en función de que teñan débeda alta, media ou baixa. Naquelas situación de débeda “substancial” deberase presentar un plan de consolidación a catro anos, ampliables tres mais, no caso dunha débeda media ou “moderada” o plan redúcese a tres anos, mentres que aqueles que teñan unha débeda baixa estarán vixiantes mais non estarán obrigados a realizar os axustes que se lle esixe aos anteriores.
Este horizonte obriga o Goberno (e tamén debera apelar á oposición) a marcar unha senda de consolidación fiscal que vaia poñendo uns vimbios dun cesto que hai que empeza a facer, no que van ser fundamentais as reformas estruturais ao tempo que se enfronta o problema dunha inflación que comezou sendo temporal, converteuse en persistente e o obxectivo está en que non se volva permanente.
Neste senso, a política fiscal debe acompañar á política monetaria e non se poderá seguir soprando e sorbendo ao mesmo tempo. Nestes momentos están vixentes unha serie de medidas paliativas e expansivas do gasto que, probablemente, non se poidan manter a partir de xaneiro.
A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) acaba de publicar un informe sobre o proxecto dos orzamentos de 2023, no que analiza a distribución dos efectos das medidas antiinflación despregadas e conclúe de xeito contundente que tanto o abono “gratuíto” do tren de media distancia coma a subvención aos carburantes beneficiou dun xeito especial ás rendas medias e altas, cun importante impacto orzamentario. É evidente, pois, que este tipo de medidas de “tipo aspersor” deben deixar paso a un verdadeiro repartimento dos custos da crise e da inflación, a través de medidas ben focalizadas, cun chorro moi preciso e selectivo de colectivos vulnerables, como así o avanzaron xa os grandes organismos internacionais.
Veremos
María Cadaval