As bases de ERC apoian o acordo para investir a Salvador Illa como presidente
As bases de ERC apoian o acordo para investir a Salvador Illa como presidente
O 53,5 % das bases republicanas apoia o preacordo co PSC
"É un si esixente, é un si vixiante", advertiu Marta Rovira
É unha das decisións máis transcendentes nos case 100 anos de historia de Esquerra Republicana. O 53,5 % dos seus 8.200 militantes está de acordo con que o socialista Salvador Illa sexa o novo presidente da Generalitat.
Marta Rovira, a súa secretaria xeral interpreta que "dixeron si á soberanía fiscal do noso país, porque queremos acabar co déficit fiscal que nos lastra desde hai décadas. É un si esixente, é un si vixilante", advertiu.
Case o 49 % dos consultados votaron en contra dun acordo que supón a cesión da soberanía fiscal a Cataluña, un compromiso ante o que, tanto os do si coma os do non, son incrédulos.
"De España non me fío nada, pero é o que nos toca facer nestes momentos", contaba un deles ás portas da sede republicana. Canda el, outro militante confesaba que "votei que non porque non me fío dos socialistas".
O resultado avala unha das apostas de risco de Pedro Sánchez, que agora terá que vencer as resistencias internas de moitos dos seus baróns. O último, o asturiano.
Adrián Barbón advertiu de que "se o que se fai é unha saída do réxime común (...)votaremos en contra no Consello de Política Fiscal e Financeira".
O Partido Popular insta aos desconformes a actuar. Esther Muñoz, vicesecretaria de Educación e Sanidade, cre que "os dirixentes socialistas teñen unha dobre obriga moral, porque están alzando a voz pero teñen que pasar das palabras aos feitos".
Tamén terá que facer pedagoxía a líder de Sumar con aliados escépticos como Esquerda Unida, Compromís ou a Chunta. Para Yolanda Díaz “a posibilidade de investir presidente o señor Illa desde forzas independentistas é moi positivo para o noso país”.
O camiño non queda totalmente despexado para Illa. As xuventudes republicanas decidirán este sábado o voto da súa deputada, Mar Besses, unha decisión independente do resultado da consulta e que podería frustrar a investidura.