Publicador de contidos
Publicador de contidos

As cegoñas xa están instaladas na comarca da Limia para aniñar

As cegoñas xa están instaladas na comarca da Limia para aniñar

A zona da antiga Lagoa da Antela é un lugar tranquilo para as cegoñas e nos últimos anos foi aumentando o seu censo

Segundo os rexistros de Medio Ambiente contabilízanse unhas 350 parellas na Limia e outras 50 en Maceda

A veciñanza de San Pedro de Laroá en Xinzo de Limia convive amigablemente coas cegoñas

A súa presenza xa é unha tradición nesta zona e os veciños observan as súas rutinas diarias

As cegoñas conviven amigablmente coa veciñanza de San Pedro de Laroá
G24.gal 04/02/2025 14:31

Sempre é unha estampa fermosa de ver e que anuncia cambios no tempo, na duración dos días e na vida no campo. As cegoñas xa están na Limia. Estes días pódense ver por toda a comarca centos de cegoñas que chegaron para aniñar e teren aquí as súas crías. A tranquilidade e o respecto que reciben por parte dos veciños é seguro que está detrás do espectáculo que nos regalan cada ano estes extraordinarios animais.

Podemos dicir que esta chegada das cegoñas é xa unha tradición na zona da antiga Lagoa de Antela, onde, segundo Medio Ambiente, se contabilizan uns 350 niños con cadansúa parella. Nalgunhas aldeas como San Pedro de Laroá, as cegoñas xa son unhas veciñas máis. 

Di o dito que por san Brais as cegoñas verás, pero desde hai uns anos cada vez chegan antes á comarca da Limia. E desde o santo André, a finais de novembro, comezan a ocupar os seus niños. 

"Agora veñen antes, en decembro xa están aquí".

"Aquí durante o ano non somos moitos veciños, pero cando veñen as cegoñas o censo aumenta considerablemente".

Aquí nas aldeas de San Pedro de Laroá e en Laroá as cegoñas xa son unhas veciñas máis e todos están atentos ás súas rutinas diarias. 

"Deben estar chocando, porque unha xa está sempre no niño sen marchar de aí, e mesmo tráelle el a comida. Traballan moito para facer a casa". "Podemos contemplalas, o bonitas que son, cando están de namoramento". "Dálle moita vida á aldea, no verán veñen moitos turistas de fóra e é una cousa moi bonita".

E se din que as crianzas veñen de París pola presenza das cegoñas pois tamén poderían vir da Limia... aínda que escasean. 

"Eran as culpables de traer os bebés, pero agora son un pouco preguiceiras". "As cegoñas non ten ninguén en contra delas, é un animal que non fai dano ningún, limpa a bichería".

"A convivencia é orgánica, elas chegan e instálanse e non hai moito problema. si que é certo que como todo ser vivo o que entra ten que saír por algún sitio, e o que lle toca a casa diante  do niño, podo entendelo, pero a convivencia é boa entre todos".  "É unha marabilla, dá gusto ver así a aldea chea de cegoñas". 

Con abundante alimento para elas e as súas futuras crías a zona da antiga Lagoa da Antela é un lugar tranquilo para as cegoñas e nos últimos anos foi aumentando o seu censo. Agora segundo os rexistros de Medio Ambiente contabilízanse unhas 350 parellas na Limia e outras 50 en Maceda. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar