Publicador de contidos
Publicador de contidos

A choiva e o vento forte do suroeste paralizan a frota

A choiva e o vento forte do suroeste paralizan a frota

O temporal no mar obriga boa parte dos barcos a permanecer amarrada por vento de forza 7

Amarre forzoso da frota por mor do temporal no mar
G24.gal 03/05/2024 15:15 Última actualización 03/05/2024 17:51

Unha boa parte da frota tivo que permanecer amarrada polo aviso amarelo activado por forte vento do sur. Este venres foi día de descanso forzoso.

"Daban sur e 20 nós e decidiuse quedar", conta Diego Suárez, patrón de costa. En Ribeira, só un par de barcos saíron pescar, o resto aproveitaron a xornada para facer traballos de mantemento. "Hai cousas que só se poden facer en terra, non se poden facer no mar", explica José Manuel Hermo, xefe de máquinas.

Manuel Parada, mariñeiro xubilado, explica que en días coma hoxe, o mellor é apelar á prudencia. "O mal tempo é perigoso e no mar hoxe hai que ter moita responsabilidade, porque o patrón tamén leva moita responsabilidade, leva dous ou tres tripulantes e ten que ter coidado deles e o mal tempo despois veñen os problemas", engade.

Tampouco Salvamento Marítimo tivo moito traballo. "Ao non haber barcos no mar, non hai incidencias", apunta Rodrigo Piñeiro, patrón de Salvamento Marítimo.

Este novo temporal xa en maio cae un pouco a destempo. "Normalmente xa hai bo tempo agora pero este ano é un ano raro, moito temporal todo o inverno, levamos dende outubro, practicamente, un tras outro", relata Juan Pego, patrón de Pesca.

Hoxe era o último día de pesca do polbo polo que aproveitaron a parada para cambiar de oficio. "Hoxe era o día de quitar as nasas. O que pasa é que como había temporal pois sacámolas onte e hoxe estamos preparando para outro oficio", continúa.

O peor do temporal chega pola tarde. En Muros aproveitaron a mañá para ir apañar navallas. "Se por iso traballamos un pouco máis apurados e tal, para aproveitar antes que se puxera peor, e non hai queixa", conta un mariscador.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos