Publicador de contidos
Publicador de contidos

A chuvia de Aninovo segue causando derrubamentos

A chuvia de Aninovo segue causando derrubamentos

O río Carrás abriu un buraco de grandes dimensións nunha estrada de Maside

No Carballiño, seguen as obras na estrada Alberto Vilanova, onde se formou outra gran fenda

G24.gal 11/01/2023 14:10

Empezou como unha fenda no asfalto, e así vai: dez días despois da riada, o buraco que o río Carrás abriu no límite do concello de Maside co do Carballiño alcanza os seis metros de diámetro e ameaza con seguir cedendo.

"Debe ter seis metros de diámetro e dous de fondo e o problema é que, se segue rompendo, pode chegar á estrada pola que pasan máis coches, que vai a Facenda, a onde están os médicos", explica Fernando Pérez, un dos veciños afectados.

Non é o único punto afectado. Só uns metros máis alá, ao pé do enlace da autovía de Santiago co Carballiño, a plataforma de asfalto caeu directamente sobre o río, converténdose nun auténtico dique. "Había tres metros de altura e agora quedan 50 ou 60 centímetros. Se vén a metade de auga que o outro día, volvemos ter o mesmo problema", di Fernando.

Os veciños temen que as imaxes da riada que eles mesmos captaron o día de Aninovo, se repitan se volve chover, aínda con peores consecuencias polo tapón do leito.

"Encheuse todo de auga: a terraza, a pista... Un desastre. Se volve chover así, volverá pasar o mesmo. Teñen que arranxalo", comenta Andra, traballadora da gasolineira da zona.

Tamén no Carballiño

As mesmas chuvias provocaran tamén estoutro derrubamento sobre o río Carrás, ao pé do centro de saúde do Carballiño. Leva máis dunha semana en obras. "Non podes vir en coche, non podes pasar... Un horror. E menos mal que non colleu ningún coche", di unha veciña.

Os peóns xa poden circular, pero o tráfico aínda vai tardar. Os operarios quitaron o asfalto que quedaba para reparar a ponte en condicións.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade