As comunidades gobernadas polo PP acordan celebrar as PAU os días 3, 4 e 5 de xuño
As comunidades gobernadas polo PP acordan celebrar as PAU os días 3, 4 e 5 de xuño
A convocatoria extraordinaria terá lugar do 1 ao 3 de xullo
O Partido Popular pretende unificar as datas, contidos e criterios de avaliación das Probas de Acceso á Universidade
A proba de acceso á universidade (PAU) do próximo ano celebrarase os días 3, 4 e 5 de xuño en convocatoria ordinaria e o 1, 2 e 3 de xullo en extraordinaria nas comunidades autónomas gobernadas polo Partido Popular se se cumpre o acordo a que chegaron todas elas para unificar as datas, contidos e criterios de avaliación.
Castela e León, que foi a impulsora deste acordo e a que o partido determinou como referencia para o resto, publicou xa a información da Proba de Acceso á Universidade (PAU) para o curso 2024-2025.
No documento establécense estas datas de exame e uns criterios de corrección comúns para todos os exercicios, excepto en Lingua Castelá e Literatura II, Lingua Cooficial e Literatura II e Lingua Estranxeira II, que aplicarán os seus propios criterios.
Ata un punto menos por ortografía
As comunidades autónomas gobernadas polo PP entenden que os examinadores deberán valorar non só o contido das preguntas senón tamén a capacidade expresiva e a corrección idiomática do estudantado. Terase en conta, por tanto, a corrección ortográfica (grafías, acentos e puntuación), a coherencia, a cohesión, a corrección gramatical, a léxica e a presentación.
Así, os aspirantes poderán reducir a súa nota un máximo dun punto no caso da ortografía, aínda que os dous primeiros erros ortográficos non se penalizarán.
Cando se repita a mesma falta de ortografía contarase como unha soa e a partir da terceira o examinador deducirá 0,10 puntos, ata o mencionado máximo dun punto menos respecto á nota establecida para avaliar o contido.
Ademais, por erros na redacción, na presentación, falta de coherencia, falta de cohesión, incorrección léxica e incorrección gramaticais, o examinador poderá deducir un máximo de medio punto, aínda que se mantén que o máximo entre todos os conceptos sexa dun punto menos, polo que non se poderá dar o caso de restar un punto por ortografía e medio máis polo resto de motivos.
Ortografía menos esixente respecto ao documento inicial
Estes criterios flexibilizáronse respecto ao acordo subscrito en xullo polas comunidades autónomas do PP en Salamanca. Naquel documento inicial a máxima dedución global sería de ata dous puntos e a puntuación comezaría a restar no segundo erro e non no terceiro como ocorre agora.
Ademais, naquel borrador recollíase que cada falta de ortografía restaría 0,25 puntos á nota do exame e cada erro na redacción, a sintaxe, o vocabulario e a presentación deduciría ata un punto, o dobre do que se estableceu finalmente.