Publicador de contidos
Publicador de contidos

As familias do Villa de Pitanxo piden xustiza dous anos despois do naufraxio

As familias do Villa de Pitanxo piden xustiza dous anos despois do naufraxio

O superviviente Samuel Kwesi sumouse á ofrenda que se celebrou en Marín

G24.gal 17/02/2024 16:42 Última actualización 17/02/2024 18:00

Veciñanza e autoridades arrouparon este sábado en Marín as familias dos falecidos no afundimento do pesqueiro Villa de Pitanxo, nunha homenaxe organizada polos seus achegados co gallo do segundo aniversario do naufraxio.

A súa voceira, María Xosé de Pazo, fixo un balance destes "dous anos de sufrimento e calvario" á espera de ter "unha sentenza firme, en busca da verdade", coa que se fará "xustiza".

"Ese día por fin poderán descansar en paz os 21", sinalou.

O encontro celebrouse ao redor da placa que se instalou hai un ano por estas datas no Paseo Alcalde Blanco, xunto ao porto, cos nomes das vítimas, doce das cales puideron ser rescatadas.

Contou coa presenza de numerosa representación política (cargos do Goberno Central, da Xunta, da Deputación de Pontevedra, dos concellos de orixe dos falecidos e mesmo a nivel europeo) e dos candidatos á presidencia da Xunta do PP, do BNG e do PSdeG.

Segundo María Xosé de Pazo, a misión para baixar ao barco, en augas de Terra Nova, achegoulles consolo e os datos obtidos, para o informe pericial, vai permitirlles unha "instrución profunda e rigorosa".

Samuel Kwesi

Entre os momentos máis emotivos desta homenaxe resaltou a discreta participación dun dos tres sobreviventes do naufraxio, Samuel Kwesi, que contradixo a versión oficial da armadora sobre a traxedia ocorrida o 15 de febreiro de 2022 fronte ás costas do Canadá.

A voceira das familias dixo que era unha "persoa fundamental, o maior estandarte na procura da verdade", polo que lle dedicaron repetidos aplausos durante o acto.

"Este home é máis sólido que esta placa, en valores, en defender a verdade", recalcou.

O mariñeiro ganés non tomou a palabra, pero sumouse, como un veciño máis, á ofrenda floral coa que finalizou o acto. Foi unha das últimas persoas en depositar unha rosa branca ante o monumento aos seus compañeiros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade