Homenaxe a Diana Quer e a todas as vítimas da violencia machista na Pobra
Homenaxe a Diana Quer e a todas as vítimas da violencia machista na Pobra
O pai e a irmá da moza asistiron ao acto de descuberta dunha estatua na súa honra na vila
Unha escultura, instalada moi preto de onde foi vista por última vez Diana Quer, réndelle tributo na Pobra do Caramiñal oito anos despois do seu asasinato.
O seu pai, Juan Carlos, e a súa irmá, Valeria, asistiron a esta homenaxe promovida polo Concello para lembrar tanto a Diana Quer como a todas as vítimas da violencia machista.
“Sinto alegría, paréceme obrigado para a nosa sociedade darlle visibilidade, que permanezan na memoria de todos estas vidas que foron crebadas dun xeito tan inxusto. Dalgún xeito deixáronnos o legado de intentar cambiar as cousas na medida do posible”, asegurou Juan Carlos Quer, o pai de Diana Quer.
"Para nós era moi importante facer un acto deste tipo, un acto dirixido a todas as mulleres vítimas da violencia de xénero", asegurou o alcalde da Pobra, José Carlos Vidal.
Diana Quer desapareceu na madrugada do 22 de agosto do 2016. Logo de 500 días de busca, o seu cadáver foi localizado nun pozo dunha nave industrial abandonada de Asados, no concello de Rianxo.
Alí ocultou o seu corpo José Enrique Abuín, 'o Chicle', que foi condenado a prisión permanente revisable por un delito de asasinato con aleivosía e a outros catro anos polos delitos de detención ilegal e agresión sexual.