As familias numerosas, contra o límite de renda para recibir o bono social térmico
As familias numerosas, contra o límite de renda para recibir o bono social térmico
Este colectivo reclama un criterio de renda per capita para que se teña en conta os membros da familia
O Goberno quere reformar esta axuda tras a polémica desatada en Madrid, onde se soubo que a recibían o vicepresidente da Comunidade e a líder da oposición
A Federación de Familias Numerosas considerá "inxusto" que o Goberno aplique criterios de renda familiar para cobrar o bono social térmico. O presidente nacional deste colectivo, José Manuel Trigo, asegura na Televisión de Galicia que "o 70 % das familias numerosas españolas están pasando por un mal momento debido á suba dos prezos" e pide que, se cambian os criterios, "se fixe un de renda per cápita" para poder avaliar mellor as necesidades de cada unidade familiar.
O "problema é onde se pon o límite, que é un salario bo ou malo? 30.000, 40.000, 50.000 euros? Se tes 8 fillos e vives en Madrid, 50.000 euros non é nada do outro mundo. É moi subxectivo", opina Trigo.
Para recibir este bono hai que ser beneficiario do bono social eléctrico. A maioría dos fogares debe cumprir con requisitos de renda, pero as familias numerosas non.
Por esta condición recibiron a axuda automaticamente o vicepresidente da Comunidade de Madrid, do PP, e o marido da líder da oposición, de Más Madrid. Mónica García e Enrique Osorio só tiveron que presentar o libro de familia.
A polémica levou o Goberno a anunciar cambios para evitar que "persoas con pouca ética" reciban axudas destinadas a fogares vulnerables.
O bono térmico non é a única axuda deseñada polo Goberno que non está condicionada á renda. Hai outras moitas, como a rebaixa do IVE dos alimentos, a axuda aos carburantes ou o abono de Renfe.
Desde hai meses institucións económicas, coma o BCE, xa lle veñen advertindo ao Goberno que limite este tipo de axudas, que fixe criterios de renda para asegurarse de que chegan ás persoas que máis as necesitan.