As familias poden empregar a Tarxeta Benvida desde a semana 21 de embarazo
As familias poden empregar a Tarxeta Benvida desde a semana 21 de embarazo
A Xunta incrementou o crédito desta tarxeta ata os 35 millóns e medio de euros
A axuda económica vai de 1.200 a 3.000 euros ao ano para poder mercar todos os produtos que se necesitan cando chega un bebé
A Tarxeta Benvida creada pola Xunta é unha axuda económica para as familias na crianza e no coidado dos fillos. Entre as novidades para este ano, as nais e pais poden solicitala e utilizala xa para mercar os produtos básicos e necesarios tras o nacemento dun bebé desde a semana 21 de embarazo.
"Unhas 10.000 familias benefícianse cada ano desta Tarxeta Benvida, e a partir de agora as familias a partir da semana 21 de embarazo xa terán a concesión da tarxeta, é dicir, van poder dispoñer desa contía económica de 1.200 a 3.000 euros ao ano para poder mercar todos os produtos que necesitan cando chega un bebé", di Fabiola García, conselleira de Política Social e Igualdade.
Desde a súa creación no ano 2016 xa se beneficiaron desta tarxeta máis de 100.000 familias.
"Ata agora como a tarxeta chegaba aos catro ou cinco meses do bebé as compras da familia eran máis algún capricho porque o inicial, o máis necesario, xa o compraran antes do nacemento, pero agora nótase que o carro do bebé, a cadeira do coche, a bañeira, o máis necesario, xa o pagan coa Tarxeta Benvida, porque é un desembolso inicial maior", engade Pilar González, xerente da tenda infantil Míster Baby.
O Goberno galego incrementou esta semana o crédito da Tarxeta Benvida ata os 35 millóns e medio de euros.