As farmacias sentinela axudan a vixiar as infeccións respiratorias agudas
As farmacias sentinela axudan a vixiar as infeccións respiratorias agudas
Son 70 despachos que informan das dispensacións de antigripais e de tests de antíxenos para a detección da gripe, da covid e do VRS
A primeira alerta chégalle ao Sergas das farmacias sentinela, a segunda de atención primaria e a terceira das hospitalizacións
Segundo os expertos, agora a situación da covid está "estable" e na gripe polo momento "hai contaxios esporádicos"
As chamadas farmacias sentinela axudan este ano ao Sergas, nun programa pioneiro, á vixilancia epidemiolóxica das infeccións respiratorias agudas: a gripe, a covid e o VRS (virus respiratorio sincitial).
"Incorporamos 70 farmacias, o seu papel consiste fundamentalmente nos van trasladar as dispensacións de tests de antíxenos para a detección de VRS, gripe e covid e tamén antigripais. Desta maneira poder adiantarnos a cando se poida producir un incremento dos casos in incluso o pico da onda principalmente da gripe. Teriamos como unha primeira alerta as farmacias sentinela, unha segunda alerta que serán o número de consultas na atención primaria e unha terceira que serán as hospitalizacións por infeccións respiratorias agudas", di Carmen Durán, directora xeral de Saúde Pública.
O Plan sanitario de inverno da Xunta conta con medidas de prevención, vixilancia epidemiolóxica, planificación dos recursos asistenciais e o seguimento continuo da situación.
Da información que obteñen poden reforzar con antelación, por exemplo, determinadas áreas sanitarias, dependendo das incidencias epidemiolóxicas.
"O importante é intentar anticiparse e polo tanto cos datos de como circulan os virus, os datos de asistencia e os datos das farmacias con toda esa información construímos un modelo. Temos agora unha baixa incidencia, estamos á espera do que poida vir pero xa temos preparados todas as cuestións para que se poidan implementar os recursos en caso de que sexa necesario. As urxencias, o servizo de medicina interna, pneumoloxía, laboratorio... todos traballan con nós para ter unha ordenación da actividade para dar resposta graduada á situación que se vaia producindo", engade Ángel Facio, xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.
A situación epidemiolóxica permanece estable a día de hoxe e desde o Sergas destacan a eficacia da vacinación.
"A vacinación en maiores de 80 anos por riba do 80 % e en nenos entre 5 e 59 meses estamos a falar do 60 %. Son cifras altas", destaca Ángel Facio.
"A covid está de momento estable, estamos con moi poucos casos, cremos que pode repetirse o patrón de anos anteriores e que o pico se dea no verán, no VRS xa estamos na onda, e na gripe hai contaxios esporádicos e non esperamos cambios significativos nos vindeiros dez días", aseverou Carmen Durán.