Publicador de contidos
Publicador de contidos

Noite xélida no sur da provincia de Ourense

Noite xélida no sur da provincia de Ourense

Varias localidades da zona baixaron dos catro graos negativos

A mínima foi de case nove graos baixo cero, en Calvos de Randín

A Limia amenceu cuberta de xeada

Horizonte da Limia, na Raia con Portugal
G24.gal 15/12/2024 15:04

O que se ve hoxe no horizonte da Limia é a raia do frío en Ourense, a fronteira con Portugal, desde o Larouco, en Baltar, ata o Xurés, na Baixa Limia, pasando por Calvos de Randín que rexistrou 8'6 graos baixo cero ás sete menos dez da mañá.

"Vai moito frío. Caeu unha xeada terrible esta mañá". "Pegábache unha brisa na cara... O móbil puña 4 graos, pero hai menos", comentan dous veciños de Xinzo.

A xeada conxelou prados e leiras, os terreos da antiga lagoa de Antela cristalizados polo xeo. A primeira hora do día, só o gando se deixaba ver na Limia, bafexando cara a herba conxelada, mentres nas casas fumegaban as chemineas.

"O día non está moi bo, vai frío, pero está clariño e bonito". "Hai xeada, pero cando abre o sol, non hai problema", aclaran dous veciños.

Aquí, a xente non lle ten medo ao frío, só á néboa que non deixa quecer ao sol. Van curtidos desde pequenos.

"Hai días que, coa néboa, tarda en saír, e son máis duros". "O bo que temos é que, aquí, a néboa castíganos pouco. Temos o sol e anima", sinalan outros dous veciños de Xinzo.

Mañá seguirán baixo cero, pero comezan xa a subir as temperaturas. Non será unha noite tan fría coma esta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar