Publicador de contidos
Publicador de contidos

As inundacións provocadas polo tifón Yagi deixan máis de 220 mortos en Birmania

As inundacións provocadas polo tifón Yagi deixan máis de 220 mortos en Birmania

77 persoas están desaparecidas

G24.gal 17/09/2024 15:49

Polo menos 226 persoas morreron e 77 permanecen desaparecidas debido ás inundacións en Birmania provocadas polos restos do tifón Yagi.

Os asolagamentos afectaron centos de miles de persoas e causaron problemas na distribución de axuda polo conflito que arrasa o país.

A xunta militar birmana sinalou este martes que máis de 163.700 persoas se viron afectadas polo desastre e unhas 150.000 vivendas quedaron asolagadas.

Pola súa banda, a Oficina de Nacións Unidas para a Coordinación de Asuntos Humanitarios, OCAH, estima que morreron centos de persoas e sobe a cifra de afectados a máis de 631.000. 

"A maioría das zonas seguen asolagadas e estanse levando a cabo as tarefas de evacuación e a asistencia de emerxencia. A pesar dos desafíos, os socios humanitarios comezaron a informar sobre o impacto e a planificar a resposta onde sexa posible", remarca a OCAH.

Tras un golpe de estado,  Birmania atópase sumida nun conflito armado que afecta gran parte do país.

"Os equipos de rescate no terreo estiman que polo menos 300 persoas morreron (...) Hai pobos enteiros cubertos pola lama, con todas as casas enterradas", di o membro dunha organización civil que distribúe axuda humanitaria na rexión de Mandalay, e quen prefire protexer a súa identidade.

"O difícil é o acceso, algunhas estradas son intransitables (...) Hai pontes que quedaron destruídas", afirma. "Hai familias con todos os seus membros desaparecidos", engade.

Millóns de persoas víronse afectadas polo temporal no Sueste Asiático, principalmente en Vietnam, golpeado polo tifón Yagi o 7 de setembro e onde deixou máis de 290 mortos, tras pasar por Filipinas e China, e afectar tamén a Laos e Tailandia.

Ao impacto do Yagi, procedente do mar da China Meridional, sumáronse en Birmania a choiva monzónica procedente da baía de Bengala.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade