Publicador de contidos
Publicador de contidos

O tifón Yagi deixa case 200 mortos en Vietnam e unha aldea sepultada por un alude

O tifón Yagi deixa case 200 mortos en Vietnam e unha aldea sepultada por un alude

Este ciclón tropical é o máis poderoso rexistrado este ano en Asia e o peor en Vietnam en dúas décadas

G24.gal 12/09/2024 09:53

O número de mortos polo tifón Yagi en Vietnam ascendeu este xoves a 197, con 128 desaparecidos, mentres os servizos de emerxencia buscan sobreviventes nunha aldea sepultada na véspera por un corremento de terra.

A autoridade de xestión de desastres indicou no seu último parte que a gran maioría das vítimas se produciron no norte do país.

Un dos sucesos máis mortais produciuse na aldea de Lang Nu tras un corremento de terra nesta área montañosa de Lao Cai, onde se estima que decenas morreron mentres que os servizos de rescate seguen buscando ducias de desaparecidos.

Tamén se rexistraron 807 feridos, máis de 130.000 vivendas danadas e 195.000 hectáreas de arrozais asolagados polo tifón, que tocou terra o sábado e o domingo foi rebaixado a depresión tropical, aínda que seguiu deixando fortes choivas.

As autoridades tamén evacuaron miles de persoas de Hanoi debido ás inundacións co risco de que empeoren polo alto nivel de caudal dos ríos Vermello e Duong.

O departamento de meteoroloxía vietnamita espera máis choivas ao longo de hoxe no norte do país, o que empeorará os efectos do Yagi, considerado o tifón máis poderoso este ano en Asia e o peor rexistrado en Vietnam en tres décadas.

No seu camiño cara a Vietnam, o tifón atravesou o venres pasado a provincia insular chinesa de Hainan, onde deixou polo menos dous mortos e 92 feridos, e previamente cruzou o norte da illa filipina de Luzón, na que está Manila, onde os equipos de emerxencia informaron de 20 mortos, 26 desaparecidos e 22 feridos.

Convertido en depresión tropical, o temporal continuou deixando fortes choivas e inundacións no norte de Tailandia, onde causou polo menos catro mortos, e en Myanmar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade