As lapas arrasan un palleiro en Vimianzo con 60 toneladas de pacas
As lapas arrasan un palleiro en Vimianzo con 60 toneladas de pacas
O lume orixinouse ás doce e media da noite e precisáronse máis de once horas de traballo
Non houbo que lamentar danos persoais e as perdas económicas ascenden a 30.000 euros
Un incendio arrasa un palleiro no lugar de Reparada, en Vimianzo, con 60 toneladas de pacas de herba seca. As lapas comezaron pasadas as doce e media da noite, e non foi ata case once horas despois cando os bombeiros deron por rematadas as tarefas. A orixe puido estar na fermentación da mesma palla.
A columna de fume apreciábase esta mañá desde lonxe. Foi todo case cuestión de sorte pois o propio dono, quen agardaba por un camión para cargar varias das súas vacas, foi o que chamou ao 112 ao ver as lapas. Eran as doce e media da noite e o palleiro está moi preto da vivenda.
"Puxémonos á tarefa de arrefriar porque o problema non era o palleiro, iso xa estaba perdido cando comezou. O problema é que hai outra explotación máis grande ao lado e era preciso evitar que prendera tamén" explica Jesús Felípez Pazos, Cabo xefe Bombeiros Costa da Morte. Engade que a orixe do incendio é incerta "non había maquinaria arredor nin tampouco electricidade".
Tanto a estrutura como o almacenado neste palleiro xa estaba perdido, unhas 60 toneladas de herba seca pero o fundamental era evitar que o lume se propagara, por iso se puxeron todos os medios dispoñibles para sufocar o lume.
"Foi un traballo duro e o consumo de auga foi enorme. Tan só nós gastamos uns 140.000 litros" di, pois neste tipo de tarefas tan só podes "arrefriar, arrefriar e non hai extinción posible. Só podemos sacar a palla e levala a unha leira na que non provoque estragos e déixase arder", indica o cabo xefe de bombeiros.
Precisaron mesmo a colaboración de veciños. "Chegou un ás catro da mañá cunha escavadora e comezou a retirar e logo, dúas horas máis tarde, outro".
Traballo duro ata ben pasadas as once da mañá, pero que grazas a iso non houbo que lamentar danos persoais e as perdas materiais calculan que chegan case aos 30.000 euros. Amais dos Bombeiros de Cee interviron tamén os de Santa Comba, o GES Ponteceso, a Garda Civil e Protección Civil de Vimianzo.