As lapas devoran unha vivenda no concello de Maside
As lapas devoran unha vivenda no concello de Maside
Non se produciron danos persoais pero as perdas económicas son cuantiosas
Os bombeiros tiveron traballo abondo para conseguir extinguir o incendio dunha vivenda no concello ourensán de Maside esta madrugada.
A edificación, que permanecía deshabitada tras someterse a unha reforma, comezou a arder cando pasaban uns minutos desta medianoite. Foi na parroquia de Garabás.
Ao lugar, achegouse unha dotación dos bombeiros do Carballiño que loitou contra as lapas durante máis de catro horas. O incendio espallouse rapidamente xa que parte da estrutura era de madeira, e o tellado acabou colapsando.
Finalmente o operativo conseguiu evitar que as lapas se estendesen ao resto da vivenda e ás edificacións lindeiras. Aínda así, os danos materiais son cuantiosos.