As mellores festas da última fin de semana do verán
As mellores festas da última fin de semana do verán
Amaral e Viva Suecia, pratos fortes no inicio este venres do Caudal Fest en Lugo
A romaría da Saínza en Rairiz de Veiga e as festas do Cristo no Porriño son algúns dos eventos máis destacados
● Caudal Fest en Lugo. Xa arrincou un dos últimos festivais do verán, o Caudal Fest, que dende este venres 20 e ata o sábado 21 encherá de música a explanada do Pazo de Feiras e Congresos da cidade amurallada. Viva Suecia, Amaral, Mikel Izal e Arde Bogotá son algúns dos artistas encargados de facer vibrar o escenario.
● Festas do Cristo no Porriño. Comezan este venres 20 e contarán ata o domingo 29 cun amplo programa, no que destacan as noites de verbena e o concerto de Fillas de Cassandra.
● Romaría da Saínza en Rairiz de Veiga. Os moros e os cristianos veranse novamente cara a cara nesta localidade ourensá, onde haberá un amplo programa de actividades que inclúe o asalto ao castelo na medianoite do sábado e a representación da famosa batalla declarada de Interese Turístico Galego.
● Feira do Poldro e o Gando do Monte en Muras. Unha feira que naceu pola iniciativa dun grupo de veciños e veciñas, para pór en valor a carne dos animais ceibos, onde non faltarán as degustacións e as rutas pola serra do Xistral.
● Festa da Zorza. No eido gastronómico, será a protagonista por partida dobre esta fin de semana. Na Guarda, poderán desfrutar deste típico manxar o venres no lugar da Gándara. Mentres que o domingo poderá degustarse en Fornelos de Montes cun amplo programa onde non faltará a música.