As mellores vacas frisoas de España están na Pastoriza
As mellores vacas frisoas de España están na Pastoriza
Son 60 animais dunha granxa familiar especializada en xenómica
Foron as máis puntuadas en saúde, morfoloxía e leite
A simple vista son vacas normais. Pero o seu perfecto estado de saúde e a súa lonxevidade, a alta calidade do leite que producen e a perfecta simetría dos seus corpos converte estas 60 vacas nas mellores frisoas de España, onde hai 700.000. O seu propietario leva sete anos traballando en xenómica para seleccionar os exemplares máis perfectos, e agora todo ese esforzo deu os seus froitos.
"Supón o recoñecemento a un traballo ben feito ao longo do tempo. Recibimos moitas felicitacións", Daniel Darriba, SAT Agosto Darriba.
Este recoñecemento supón un pulo para a explotación, xa que tanto as vacas como os embrións que producen van estar moi demandados. Daniel dedica moitas horas a atender os animais, e ata lle ten un nome a cada un. Considera que as pequenas explotacións familiares poden ter excelentes resultados en todos os parámetros, xa que se coidan ao máximo todos os detalles. Case todas as vacas que nacen quedan na granxa, pero tamén mercan algunha para seguir mellorando.
"É un orgullo para unha granxa tan pequena, que non pode competir en cartos. A mellora comezou cando xa utilizabamos os mellores touros".
Sesenta anos despois de que os seus avós comezasen a producir leite, Daniel acadou a excelencia grazas tamén ás novas técnicas e tecnoloxías.