Publicador de contidos

Publicador de contidos

As mulleres cobran uns cinco mil euros menos que os homes por facer o mesmo traballo

As mulleres cobran uns cinco mil euros menos que os homes por facer o mesmo traballo

En Galicia a diferenza de salario é de 4.700 euros, segundo a Enquisa de Estrutura Salarial de 2022

A fenda de xénero é máis pronunciada entre as mulleres de maior idade, a poboación estranxeira e nas xornadas a tempo parcial

 

Arquivo Arquivo
G24.gal 21/02/2025 09:12

'A fenda salarial existe, que non te confundan' é o monográfico publicado polo Instituto das Mulleres co gallo do Día da Igualdade Salarial. Segundo a Enquisa de Estrutura Salarial relativa a 2022, a brecha salarial sitúase en España no 17,09 %.

O salario deles sitúase de media nos 29.381,84 euros, mentres que o delas está nos 24.359,82 euros. É dicir, as mulleres, no período analizado, cobraron 5.022,02 euros menos que os homes por facer o mesmo traballo. En Galicia a cifra é lixeiramente máis baixa, de 4.714,14 euros. Con todo, somos a sétima comunidade de España cos salarios máis baixos entre as mulleres.

A fenda salarial de xénero está presente en todas as comunidades autónomas e actividades económicas, pero é máis pronunciada nos grupos de maior idade e nos máis novos, no sector privado, nas xornadas a tempo parcial e entre a poboación estranxeira.

O informe sinala a idade como un elemento que inflúe notablemente nesta brecha. É máis pronunciada entre os menores de 20 anos (28,64 %) e os maiores de 65 (25,57 %), mentres que a diferenza é menor nos rangos de idade dos 25 aos 29 anos (9,81 %) e dos 30 aos 34 (12,93 %).

No sector público rexístrase menor brecha retributiva que no sector privado, e as diferenzas son maiores nas xornadas a tempo parcial que nas xornadas a tempo completo.

Ademais, o Instituto das Mulleres lembra que a maternidade ten un impacto negativo na empregabilidade. Elas collen o 88 % das excedencias e, no 92 % dos casos, son as que optan polo traballo parcial para o coidado de nenos e maiores.

O documento sinala que os convenios colectivos, nalgúns casos, reproducen desigualdades a través de categorías profesionais feminizadas e masculinizadas e contan con complementos salariais que acaban xerando unha discriminación indirecta entre as mulleres.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade