Publicador de contidos
Publicador de contidos

As novas previsións de FUCAS afianzan a desaceleración da economía española, por Maite Cancelo

OPINIÓN

As novas previsións de FUCAS afianzan a desaceleración da economía española, por Maite Cancelo

G24.gal 20/10/2023 09:44

Os economistas da Fundación de Caixas de Aforros (FUNCAS) elevaron en dúas décimas as súas previsións de crecemento do PIB no 2023 ata o 2,4 % pero recórtano ata o 1,5 % no vindeiro ano, coincidindo no 2023 coas estimacións que hai uns días publicou o BBVA e mesmo coas do goberno. Pero outros organismos teñen outros cálculos, para este ano, menos optimistas, que poden variar entre o 2 % de Hispalink (de xuño), o 2,2 % de Bankinter (de finais de setembro) ou o 2,3% do Banco de España (tamén de setembro).

Así, FUNCAS sinala que a elevación da súa previsión para este ano se debe ao importante impulso nos dous primeiros trimestres do ano e á incorporación dos axustes que xa efectuou o INE, pero avanza unha desaceleración na segunda metade deste ano que xa se empeza a notar no terceiro trimestre e en que coinciden co BBVA ao afirmar que, inicialmente, virá por parte da demanda interna.

No informe, ademais de estimar o crecemento da economía, alértase do incremento do déficit e da débeda pública. Neste sentido hai que lembrar que o problema é que non se está acometendo ningunha medida para atallar estes problemas e só estamos fiando aos aumentos extraordinarios de ingresos por impostos que se están producindo grazas á inflación e que non están a servir para compensar, entre outros, os incrementos nas pensións, o aumento do gasto público ou, mesmo, o pagamento dos intereses da débeda.

Que está detrás destas previsións e que non o está?

A economía mundial continúa desacelerando o seu crecemento na segunda metade do ano. De feito, varios dos nosos socios comerciais europeos ven como as súas previsións se seguen revisando á baixa. Aquí non só falamos das principais economías europeas, como Alemaña e Francia, senón, por exemplo, do noso veciño Portugal. Hai que ter en conta que os indicadores de actividade da Zona Euro en setembro seguen deteriorándose e isto provocará que as nosas exportacións se resentirán nos próximos meses.

A inflación segue sendo persistente, e as estimacións que estamos a ver seguen sen dar unha tregua ao incremento dos prezos, que, en termos acumulativos, nalgúns produtos xa se atopan en máis do 50 %.

Ao mesmo tempo, a subida dos tipos de xuro, non está a ter o efecto esperado de redución da inflación, pero supón aumentos na carga financeira de familias e empresas e, por tanto, un freo nas decisións de investimento.

Ademais, a confianza empresarial rompeu co refacho de ascensos e no cuarto trimestre cae nun 2 %. Os empresarios xa están a adiantar o empeoramento do clima de negocios e as súas propias expectativas, que se verán reflectidas no propio PIB.

Por último, en clave internacional, os efectos económicos da guerra en Ucraína están considerados nestas previsións, pero de momento, non se incluíu o posible impacto do ataque de Hamas sobre Israel e os acontecementos que se están desenvolvendo, sobre todo o seu impacto nunha posible subida dos prezos do barril de petróleo. E, en clave interna, preocupa a non conformación dun goberno en España co correspondente atraso na elaboración duns orzamentos que son unha das claves do noso futuro económico.

E, por último, a revisión de FUNCAS sobre o crecemento do 2024, que sitúa no 1,5 %, contrasta coas estimacións optimistas do goberno en funcións que manteñen no 2 % no cadro macroeconómico enviado a Bruxelas e que, de verificarse o primeiro, dificilmente poderemos cumprir cos nosos compromisos europeos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos