As obras de mellora do túnel do Folgoso na Cañiza afectan ao tráfico na autovía Vigo-Ourense
As obras de mellora do túnel do Folgoso na Cañiza afectan ao tráfico na autovía Vigo-Ourense
Os cortes de tráfico no túnel máis longo de Galicia produciranse entre o 21 e o 26 de outubro, polo que se habilitarán desvíos nos dous sentidos pola N-120 e a N-559
Os condutores circularán polo alto de Fontefría, cun rodeo pola estrada nacional, como xa sucedeu durante o longo peche da infraestrutura en 2021
Os condutores que teñan previsto atravesar o túnel do Folgoso na Cañiza na A-52 entre Vigo e Ourense nos dous sentidos van afrontar contratempos con cortes na circulación durante a próxima semana.
O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible vai acometer obras de mellora do equipamento de seguridade no túnel de Folgoso, na autovía A-52 ao seu paso pola Cañiza, o que vai obrigar a desviar o tráfico a partir do luns, día 21 de outubro.
Co obxectivo de garantir a seguridade de operarios e usuarios da estrada, produciranse importantes cortes de tráfico.
Cortes de tráfico
En concreto desde o luns 21 de outubro, desde as 09:00 horas e ata as 23:59 horas do mércores 23, péchase a calzada en sentido Ourense.
Tras este primeiro peche a vía en sentido Vigo verase afectada desde a medianoite do xoves 24 de outubro ata as 23:59 horas do sábado 26.
Itinerarios alternativos
Coa intención de minimizar o impacto das obras e dos cortes, habilitarase un desvío sinalizado polas estradas N-120 e N-559. En sentido Ourense os vehículos abandonarán a A-52 no quilómetro 281,8 para reincorporarse a autovía no quilómetro 269,7.
En sentido Vigo o tráfico vai vcircular polo desvío tamén polas Nacionais 120 e 559. Abandonan a autovía no enlace do quilómetro 269,7 e regresan no quilómetro 281,8.
A alternativa prevista traerá á memoria dos condutores o camiño que tiveron que percorrer cando en 2021 a infraestrutura permaneceu pechada durante varios meses. Tras case dous anos de diferentes actuacións inacabables, os que circulan pola A-52 terán que afrontar nosvas molestias a próxima semana.
Nun comunicado, o Ministerio explicou que os traballos se enmarcan nun contrato de obras de emerxencia para a reparación de danos e a adopción de medidas paliativas, como consecuencia dos temporais Ciarán e Domingos, e do incendio ocorrido no interior do túnel.
Un túnel que se trata do máis longo da rede de estradas do Estado en Galicia, con 2.550 metros.