As obras nunha céntrica rúa da Coruña favorecen unha vaga de roubos
As obras nunha céntrica rúa da Coruña favorecen unha vaga de roubos
Os comerciantes explican que como a policía non pode patrullar co coche, os delincuentes actúan con impunidade
As obras nunha céntrica rúa da Coruña que está a ser peonalizada están a provocar unha vaga de roubos. É a rúa do Santo André, que leva co tráfico pechado desde o 3 de agosto.
Os comerciantes aseguran que os delincuentes actúan con "total descaro e impunidade", xa que a Policía non pode patrullar pola rúa por mor das obras.
Así as cousas, viven amolados pola inseguridade e tamén pola presenza de toxicómanos. "É un ir e vir constante... e xa os ves aí pasándose cousas", conta Rosa, unha das comerciantes que sufriu roubos na súa panadaría.
Porén, os comercios non son as únicas vítimas. A construtora que leva a cabo estas obras, tamén o é. De aquí roubaron ferramentas e mesmo gasolina e o aceite da maquinaria.
Os comerciantes din que o que non pode ser é que leven case un mes sen policía na zona. Por este motivo, piden que, xa que non poden patrullar en coche, que o fagan a pé.