Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os comerciantes do centro de Pontevedra, fartos de furtos nas súas tendas

Os comerciantes do centro de Pontevedra, fartos de furtos nas súas tendas

Sinalan a persoas con adiccións que malviven na zona da Ferrería

Piden máis presenza policial de paisano para frear a inseguridade

G24.gal 18/12/2024 14:24

"Eles o que queren é cousas fáciles, cartos ou algo que poidan vender despois.... furtos, que non teñan despois que ir a ningún sitio", conta Carlota Magariños, unha das moitas comerciantes afectadas.

Aí está parte do problema, porque a situación repítese a diario nos comercios das rúas máis céntricas de Pontevedra, pero moitos nin se denuncian porque, por experiencia, saben que o percorrido é curto.

"Hai quince días tivemos un xuízo e el non se presentou e programárono para dentro de dous meses e teño outro pendente porque me roubaron o móbil detrás do mostrador... Están todos os días por aquí. Coñecémonos todos, coñéceos a policía, pero di que non poden facer nada. Algo terán que facer que nós non estamos aquí para que nos rouben", lamenta Mercedes Pintos, propietaria doutra tenda.

"Nós denunciamos porque pensamos que é a maneira de que se contabilicen estes furtos e que a policía poida tomar medidas", engade Magariños.

Sempre son os mesmos, persoas vulnerables, con adiccións, que malviven na zona da Ferrería.

"A policía pasa dúas ou tres veces no coche pero nese momento eles non van entrar a roubar. Terían que estar a pasear máis de paisano", pide Pintos.

"Parece que agora mesmo a zona está máis tranquila porque, como está o mercado de Nadal, non os deixan estar na praza", sinala Carlota Magariños.

É unha sensación efémera porque o certo é que esas persoas seguen paseando esa zona peonil arriba e abaixo. Hai preocupación e malestar, pero a gran maioría dos comerciantes prefiren calar e seguir lidando coa realidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade