As pensións e a loita por non perder poder adquisitivo, por María Loureiro
OPINIÓN
As pensións e a loita por non perder poder adquisitivo, por María Loureiro
Xa coñeciamos o aumento xeral das pensións para 2024, que, de acordo á inflación entre decembro de 2022 e novembro deste ano, será do 3,8 %, pero faltaba por saber o incremento das pensións mínimas e o das de viuvez. E xusto onte anunciouse que o aumento sería dunha porcentaxe de entre o 5 e o 7 % para as pensión mínimas, e do 14,1 % as de viuvez con fillos a cargo.
A maior subida, de ata o 14,1 %, irá para a pensión mínima de viuvez con cargas familiares. Nese suposto a mínima pasará dos 12.682 euros anuais en 14 pagas, 906 euros mensuais, vixentes para este 2023, a 14.457 euros anuais, uns 1.033 euros mensuais. As pensións non contributivas aumentarán un 6,9 %, a mesma revisión que terá o ingreso mínimo vital. E o resto do detalle dos distintos aumentos das pensións mínimas contributivas coñecerase a partir deste xoves, cando o ministerio conte co IPC definitivo de novembro. Para a concreción das de viuvez precisaranse algúns días máis ata coñecer os datos do limiar da pobreza, que se utilizan para calcular o incremento deste tipo de pensións.
Estes aumentos veñen determinados polo decreto lei de marzo deste ano, que supoñía a segunda parte da reforma das pensións e que, ademais de establecer o novo marco de sustentabilidade das pensións, ampliaba os dereitos dos pensionistas e reduce a brecha de xénero. En concreto, prevía un incremento tanto das pensións mínimas contributivas como das de viuvez, pero cun ritmo de incremento moi superior para estas últimas. Respecto á mínima contributiva con cónxuxe a cargo establece que a partir de 2024 aumentará progresivamente ata que en 2027 equivalla ao limiar da pobreza calculado para un fogar de dous adultos. E sobre as de viuvez con cargas familiares, prevé equipalas desde o próximo ano á “contía da referida pensión de xubilación”.
En resumo, esta é unha tendencia positiva. Agora ben, lembremos que non son pensións ao uso, pois as pensións de viuvez con dependentes a cargo son máis que nada de tipo social.
O mantemento do poder adquisitivo a e mellora de condicións de vida para moitos vén co custo de aumentar o nivel de gasto público. O gasto das pensións contributivas situouse neste novembro 2023 no 11,5 % do Produto Interior Bruto de España neste novembro, o que supón 12.100,8 millóns de euros para o pagamento da mensualidade ordinaria. Xunto coa nómina deste mes tamén se aboa a paga extraordinaria de novembro de 2023, por un importe de 11.823 millóns de euros. Case tres cuartas partes da nómina de pensións contributivas de novembro corresponden a pensións de xubilación, en concreto, o 73 %, é dicir, 8.838,9 millóns de euros. A pensións de viuvez destináronse 2.010,9 millóns de euros, mentres que a nómina das prestacións por incapacidade permanente ascende a 1.055,7 millóns, a de orfandade a 163,2 millóns de euros e a das prestacións en favor de familiares a 32 millóns.
En resumo, as medidas anunciadas onte implican un aumento de polo menos 690 millóns de euros dedicados a pensión para o ano que vén, o que implica un 7,8 por cen mais do gastado hoxe. Estas medidas van en consonancia co anunciado aumento de gasto do 9,3 % previsto para o ano 2024, pero por outra banda, achéganos máis á ratio de que o custo en pensións para o 2024 sexa próximo ao 15 % do PIB, franxa que de cruzarse requiriría unhas medidas moito máis drásticas para asegurar a viabilidade das pensións en España. Pero ademais de asegurar a sustentabilidade do sistema de pensións, o que temos que comezar a pensar é nas pensións non só como un gran gasto público senón tamén coma mecanismos que permiten o aumento do aforro privado, que facilitan transferencias interxeneracionais e tamén investimento.