As persoas con dano cerebral demandan máis axudas para poder levar unha vida independente
As persoas con dano cerebral demandan máis axudas para poder levar unha vida independente
Expuxeron ante a Valedora do Pobo unha batería de medidas para mellorar a calidade asistencial e o acceso ao emprego e os servizos
As persoas con dano cerebral, que en Galicia se asociaron nunha rede de cidadanía activa, demandan unha vida máis independente e tamén un mellor acceso ás terapias de rehabilitación. Son algunhas das reivindicacións que expuxeron hoxe á Valedora do Pobo.
Piden que se lles facilte o acceso ao emprego e ás axudas públicas, e tamén unha garantía efectiva da continuidade asistencial.
"Queremos saír do hospital con citas médicas programadas e máis servizos públicos especializados en dano cerebral. Queremos promover a vida independente e promover programas de asistencia persoal que permitan ás persoas con dano cerebral ter un apoio para a súa vida diaria", declarou Sonia Estévez, membro da Rede de Cidadanía Activa.