O Sergas vai contar cun plan integrado de atención para os pacientes con dano cerebral adquirido
O Sergas vai contar cun plan integrado de atención para os pacientes con dano cerebral adquirido
Hai 35.000 persoas afectadas de dano cerebral en Galicia
A Federación Galega de Dano Cerebral reclama recursos
Un tumor cerebral aos 32 anos cambiouno todo para Patricia. Co seu testemuño en primeira persoa, participa na xornada sobre dano cerebral adquirido en Santiago.
O meu proceso foi moi rápido, ingresas un luns e o venres estás na túa casa e xa cres que se acabou todo, que estás ben pero ti nótaste diferente. Non era capaz de recordar quen me viñera ver. Non era capaz de recordar se estaba operada e tocábame a cabeza para notar a cicatriz e ver que estaba operada. Eu tiña un neno de dez anos e as discusións eran tremendas dicíalle que non fixera os deberes, ensinábamos mil veces e eu dicía que non.
Conta que tras a saída do hospital comezou unha peregrinación de ano e medio ata atopar a asociación Sarela e a atención neuropsicolóxica que necesitaba.
Déixante saír sen terte avaliado nin nada cognitivamente e ti non funcionas nunha vida normal.
Creo que debemos poñer o foco nunha patoloxía que está crecendo e que é moi silenciosa, di Luciano Fernández presidente da FEGADACE.
Dende a Federación Galega de Dano Cerebral felicítanse de que o Sergas vaia pór en marcha un proceso de asistencia integrado o ano próximo. Reclaman recursos.
Vai mellorar a continuidade e a coordinación asistencial entre os diferentes niveis de atención con dano cerebral. E outro dos logros importantes é que se vai pór a familia no centro do proceso de atención, explica Begoña Hermida, directora de FEGADACE.
Calquera plan deste tipo se non ten detrás recursos económicos e de atención son unha declaración de intencións, advirte Luciano Fernández.
O conselleiro de Sanidade adiantou que os procesos integrados de asistencia van mellorar a atención ao dano cerebral adquirido e tamén doutras doenzas.
Imos pór en marcha un proceso integral para o alzhéimer e tamén para as outras demencias, xa empezamos nalgunhas áreas e imos estendelo a todas, di Julio García Comesaña.