As persoas con ELA teñen axudas dende mañá xoves
As persoas con ELA teñen axudas dende mañá xoves
Son de 12.000 euros e poden solicitarse desde mañá xoves, 6 de abril, ata o próximo 30 de novembro
Terán carácter reatroactivo desde o pasado mes de xaneiro, cun orzamento global de 3,2 millóns de euros
As axudas establecidas pola Xunta para as persoas con esclerose lateral amiotrófica (ELA) para este ano, de ata 12.000 euros, poden solicitarse desde mañá xoves, 6 de abril, ata o próximo 30 de novembro.
O Diario Oficial de Galicia publica a orde de convocatoria destas axudas, que terán carácter retroactivo desde o pasado mes de xaneiro, cun orzamento global de 3,2 millóns de euros.
A achega económica destínase a prestar apoio ás necesidades que xorden fronte a evolución da ELA e para reforzala cobertura que existe na actualidade a través do sistema para a autonomía da persoa e a atención á dependencia, segundo explicou a Xunta.
Coa axuda, as persoas que padecen ELA poderán facer fronte aos gastos máis básicos, como alimentación, coidado ou rehabilitación, e outros como compra de material sanitario, guindastres, cadeiras de rodas, colchóns especiais ou camas articuladas.
Tamén servirá para adaptar fogares e realizar, por exemplo, melloras de accesibilidade a baños ou dormitorios, así como para a colocación de elevadores ou ascensores, ou para a compra de vehículos adaptados.
As solicitudes realizaranse preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, aínda que poderán presentarse opcionalmente de maneira presencial no rexistro.