Publicador de contidos
Publicador de contidos

Resposta masiva na reapertura dos grandes centros de vacinación

Resposta masiva na reapertura dos grandes centros de vacinación

Volven as vacinacións masivas coa terceira dose para persoas septuaxenarias

 

G24.gal 20/11/2021 09:00

Resposta masiva dos galegos e galegas á reapertura dos centros de vacinación. Na primeira xornada, acudiron máis do 80 % na maioría das áreas sanitarias. Os chamados vacinódromos abriron pra poñe-la dose de reforzo ao grupo de 70 a 79 anos.

O SERGAS chamará a preto de 300 mil galegos nesta franxa de idade pra acudir a poñer a terceira picada. A vindeira semana, administrarán tamén a segunda dose dos que se inmunizaron con Janssen.

Pero é que ademáis, a estes puntos tamén poden acudir a inmunizarse contra a covid ese 6 % da poboación que aínda non se animou a poñer a vacina. E un dato máis, o Sergas anuncia que prepara a loxística para inmunizar menores de 12 anos xa que a autorización podería chegar en poucas semanas. 

Reas ás portas dos recintos

Desde primeira hora do venres, formáronse reas ás portas dos recintos de vacinación masiva. No Ifevi de Vigo algúns queixábanse de que o aparcadoiro estaba moi lonxe do punto de vacinación, pero todos estaban contentos de poder poñer a terceira dose. 

Coa experiencia acumulada por vacinados e vacinadores, todo o proceso foi rodado. "A asistencia está sendo elevada, subindo co paso das horas e  bastante fluída", explica un dos coordinadores de vacinación no Ifevi.

Ata final de mes pasaran polos 16 grandes recintos de vacinación 290.000 galegos de entre 70 e 79 anos para poñer a terceira dose.

"Estou moi ben, non tiven reacción ningunha" explicaba un home, o mesmo que instaba a todo o mundo a vacinarse e aseguraba non entender a quen non o facía. 

"Desde que hai vacinas non hai tanta xente grave como había antes", razoaba unha muller.

E aínda que as persoas septuaxenarias eran maioría, nestes grandes recintos tamén poden ir as tripulacións pesqueiras. No medio de tanta xente maior atopamos un. Contounos que acababa de chegar dunha marea e que acudiu a poñer a dose de reforzo sen necesidade de ter unha cita previa.

Xente sen vacinar

E nos grandes recintos tamén atenderán ese escaso 6 % de poboación diana sen vacinar que finalmente se anime a dar o paso.

"Ese 6 % de poboación non vacinada está provocando un 20 % dos ingresos hospitalarios e un 50 % das ocupacións de UCI. Polo tanto cremos que si, fundamentalmente por eles, hai que facer o esforzo para que se vacinen" aseguraba o conselleiro García Comesaña no novo recinto de vacinación de Pontevedra.

Sanidade xa prepara a loxística para cando se autorice a vacina en menores de 12 anos. Contan que a decisión podería chegar en dúas ou tres semanas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar