Publicador de contidos
Publicador de contidos

Inditex logra beneficio e vendas récord no primeiro ano de Marta Ortega 

Inditex logra beneficio e vendas récord no primeiro ano de Marta Ortega 

Cun beneficio de 4.130 millóns, un 27 % máis, e unhas vendas de 32.569 millóns, uns 17,5% superiores ás dun ano antes

As vendas en tenda aumentaron en 2022 un 23% debido ao crecemento do tráfico comercial e á crecente produtividade das tendas

Entre 2023 e 2025, Zara acometerá polo menos 30 proxectos nos EUA

G24.gal 15/03/2023 07:54

Inditex rexistrou un beneficio neto récord de 4.130 millóns de euros no seu exercicio fiscal 2022-2023 (desde o 1 de febreiro de 2022 ao 31 de xaneiro de 2023), o primeiro de Marta Ortega á fronte da presidencia, o cal supón un incremento do 27 % respecto ao ano anterior, segundo informou a compañía, que elevará o dividendo un 29 %, ata 1,2 euros por acción, o cal supón un desembolso de máis de 3.700 millóns.

As vendas tamén foron récord ao alcanzar 32.569 millóns de euros, un 17,5 % máis sobre 2021, cunha alza do 18 % a tipo de cambio constante.

As vendas creceron en todas as áreas xeográficas, tanto en tendas físicas como en Internet e en todos os conceptos. En concreto, a venda na rede medrou "de xeito satisfactorio" coa cifra récord de 2021 e chegou aos 7.806 millóns de euros.

Desta forma, a compañía logra cifras históricas ao superar o beneficio logrado en 2019, anterior á pandemia, no que gañou 3.639 millóns de euros, e as vendas de 28.286 millóns de euros.

"Os excelentes resultados de 2022 poñen de manifesto a fortaleza do noso modelo de negocio e a súa capacidade para avanzar cara ao seguinte nivel de desenvolvemento, no que a nosa proposta de moda, a experiencia dos nosos clientes, o compromiso coa sustentabilidade e o talento dos nosos equipos seguirán sendo claves", destacou o conselleiro delegado de Inditex Óscar García Maceiras.

O resultado operativo (Ebitda) creceu un 20 %, ata 8.649 millóns de euros, e o Ebit un 29 %, ata 5.520 millóns de euros.

O beneficio antes de impostos, pola súa banda, aumentou un 28 %, ata 5.358 millóns de euros, mentres que a marxe bruta situouse en 18.559 millóns de euros, un 17% superior ao de 2021, e representa o 57 % das vendas.

Debido á boa execución do modelo de negocio, os fondos xerados (axustados por pagos de arrendamento) creceron un 18 %, á vez que a caixa neta creceu un 8 %, ata 10.070 millóns de euros.

Aumentan as vendas en tenda un 23 %

As vendas en tenda aumentaron en 2022 un 23 % debido ao crecemento do tráfico comercial e á crecente produtividade das tendas. Este "forte" crecemento, segundo explica a compañía, alcanzouse cun 10 % menos de tendas e un 6 % menos de espazo comercial que en 2021.

"O noso enfoque continuo na optimización e dixitalización de tendas continúa sendo clave", destacaron na compañía, que en 2022 abriu tendas en 33 mercados.

O grupo mantívose "moi activo" nas actividades de optimización de tendas (201 aperturas, 186 reformas que inclúen 94 ampliacións, e 349 absorcións). Ao peche do exercicio 2022, Inditex operaba 5.815 tendas.

En 2022, o espazo bruto de Inditex aumentou un 4,5 %, mentres que o espazo neto, que inclúe as absorcións, se reduciu un 6 %.

Ante posibles tensións na cadea de subministración durante o exercicio 2022, Inditex acelerou temporalmente as entradas de inventario no primeiros nove meses do ano para aumentar a dispoñibilidade de produto, sen realizar ningún cambio nos niveis de compromiso.

Debido ao forte desempeño da venda durante 2022 e a unha progresiva normalización das condicións da cadea de subministración a finais de 2022, os niveis de inventario regularizáronse progresivamente e ao 31 de xaneiro de 2023 só eran uns 5 % superiores aos dun ano antes.

Investimentos por un valor de 1.415 millóns

O investimento no ano fiscal 2022 ascendeu a 1.415 millóns de euros, dos cales 192 millóns corresponden a investimentos extraordinarios vinculados a proxectos multianuais.

Para os próximos anos, en tenda física, as cadeas de Inditex chegarán a novos mercados (Stradivarius en Alemaña, Oysho no Reino Unido) e novas localizacións (Zara en Campos Elíseos-París, ou en Praza do Duque-Sevilla).

Adicionalmente, realizará ampliacións e reformas nalgunhas das súas tendas máis emblemáticas (Zara Rue de Rivoli-París, Zara Stratford-Londres ou Bershka Vittorio Emanuele-Milán).

Así mesmo, a compañía resaltou que ve "grandes oportunidades" de crecemento a longo prazo nos Estados Unidos.

Entre 2023 e 2025, Zara acometerá polo menos 30 proxectos nos Estados Unidos (novas tendas, recolocacións e ampliacións), en cidades como Nova York, Os Ánxeles, Miami, Chicago, Boston, Dallas, Austin e As Vegas.

Xunto a iso, introducirá a partir de 2023 unha nova tecnoloxía de seguridade nas súas tendas que lle permitirá eliminar as alarmas duras.

"Inditex ten presenza en 213 mercados, cunha baixa cota en cada un deles e nun sector altamente fragmentado, polo que vemos fortes oportunidades de crecemento. Seguimos estimando a futuro unha forte produtividade das vendas nas nosas tendas. O crecemento do espazo bruto en 2023 situarase ao redor do 3 %", destacou a compañía.

Dividendo histórico

Así mesmo, o consello de administración propoñerá á xunta xeral de accionistas un incremento do dividendo do 29 % para o exercicio 2022, ata 1,20 euros por acción, integrado por un dividendo ordinario de 0,796 euros e un dividendo extraordinario de 0,404 euros por acción.

O dividendo componse de dous pagos iguais: o 2 de maio de 2023 un pago de 0,60 euros por acción, correspondente ao dividendo ordinario, e o 2 de novembro de 2023 un pago de 0,60 euros por acción (0,196 euros ordinario máis 0,404 euros extraordinario).

A política de dividendos de Inditex componse dun payout ordinario do 60 % do beneficio e a distribución adicional de dividendos extraordinarios.

Respecto ao comezo do exercicio fiscal 2023, as vendas en tendas e en liña a tipo de cambio constante entre o 1 de febreiro e o 13 de marzo de 2023 aumentaron un 13,5 % en comparación co mesmo período en 2022.

Axustando as operacións na Federación Rusa e Ucraína durante 2022 (1 de febreiro ao 13 de marzo) as vendas en tendas e en liña a tipo de cambio constante aumentaron 17,5 %.

España seguirá sendo a base da compañía.
 

Inditex ten e vai seguir mantendo a súa sede en España. Todas as sociedades cabeceira dos diferentes formatos comerciais van seguir mantendo a súa sede en España. Os 6.800 provedores españois da compañía e os 1.800 millóns de euros de contribución tributaria seguirán como ata agora. Inditex anuncia ademais que manterá os prezos estables nos seus produtos durante este ano.

É o primeiro exercicio en que Marta Ortega, a filla menor de Amancio Ortega, xa ocupa a presidencia non executiva do grupo, que asumiu o 1 de abril de 2022, hai xa case un ano, culminando así o proceso de sucesión ordenada que no seu día deseñou a corporación e que a levou a ocupar diferentes cargos no grupo durante quince anos.

Así, no acto de presentación dos resultados non estará xa Pablo Isla, ata abril do ano pasado presidente de Inditex. Quen estivera á fronte do maior grupo de distribución de moda do mundo anunciou uns meses máis tarde, en agosto, a fundación da produtora audiovisual Fonte Films. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade